O Sergas publica o lugar e data de realización dos exercicios da fase de oposición para o ingreso na categoría de persoal de servizos xerais na quenda de discapacidade intelectual

Están convocadas 148 persoas aspirantes ás probas selectivas que se realizarán en Silleda, o día 24 de abril ás 10,00 horas

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, o lugar e a data de realización dos exercicios da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de persoal de servizos xerais (PSX), en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual.

En total resultaron admitidas 148 persoas aspirantes, das que 77 son homes e 71 mulleres. Ofértanse neste proceso un total de 9 prazas.

As probas selectivas terán lugar no recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda (Pontevedra), o sábado 24 de abril ás 10,00 horas.

Na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) recóllese a información das distintas portas de acceso ao recinto e a relación de aspirantes comprendidos en cada unha delas.

Medidas de Seguridade e organizativas no desenvolvemento das probas
Debido ao escenario actual e á situación xerada pola evolución da pandemia COVID-19, elaborouse un Protocolo de medidas de seguridade e organizativas no desenvolvemento dos procesos selectivos do Servizo Galego de Saúde, que contén as medidas preventivas e os medios necesarios para protexer a seguridade e saúde das persoas implicadas en tales procesos.

Este Protocolo está publicado na páxina web do Servizo Galego de Saúde: OPE-Oferta Pública de Emprego e conta coa aprobación da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.

Entre outras medidas, este protocolo contempla: A supresión do chamamento dos aspirantes no exterior do recinto de realización das proba, que a acreditación para o acceso efectuarase a través de código QR, -dispoñible a través de Fides/expedient-e- e que deberá imprimir para a súa presentación no lugar de desenvolvemento dos exercicios.
Así mesmo, todos os aspirantes presentados ás probas selectivas terán dispoñible, a través de Fides/expedient-e, un certificado de asistencia, logo de finalizados os tempos de exame.

No que atinxe ao lugar de realización das probas habilitarase espazos diferenciados de especial vulnerabilidade, con medidas de protección e seguridade reforzadas, para os aspirantes inmunodeprimidos, embarazadas e aquelas persoas que por razóns médicas xustificadas non poidan usar máscara ou deban inxerir alimento durante o desenvolvemento dos exercicios así como nos supostos de lactación materna.

Estas medidas organizativas contribuirán a unha maior axilidade no desenvolvemento das probas e a unha redución do contacto interpersoal.
Ademais, no apartado de medidas hixiénico-sanitarias, garantirase unha separación entre aspirantes en cada un dos postos de exame de entre 3 e 5 metros, facilitarase a cada aspirante e persoal colaborador que interveña nos labores de vixilancia un kit de 3 máscaras cirúrxicas -de uso obrigatorio-, co obxecto de que procedan á súa renovación antes do inicio das probas, así como se porá á súa disposición xeles hidroalcólicos para unha correcta desinfección das mans.

Procesos selectivos para persoas que acrediten discapacidade intelectual no Servizo Galego de Saúde
O Servizo Galego de Saúde comezou no ano 2018 coa convocatoria de procesos selectivos para o ingreso como persoal estatutario fixo de persoas que acrediten unha discapacidade intelectual, a través dunha quenda diferenciada coas pertinentes adaptacións de temarios e tempo de realización das probas co obxecto de garantir a concorrencia destes aspirantes en condicións de igualdade ao emprego público, facilitando así a súa integración laboral.

Co fin de facilitar este labor e realizar actividades de asesoramento e apoio na inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual a Consellería de Sanidade ten asinados convenios de colaboración coas entidades FADEMGA Plena Inclusión, DOWN Galicia e Aspace Galicia .

Na actualidade xa están a prestar servizos nas institucións sanitarias do Sistema Público de Saúde Galego un total de 30 celadores, con vínculo fixo, aos que se sumarán en próximas datas 11 técnicos en coidados auxiliares de enfermería.

Así mesmo están convocados xa novos procesos selectivos para o acceso ás categorías de pinche (39 prazas) e técnico en farmacia (10 prazas) e no decreto de oferta de emprego público para o ano 2021, recentemente aprobado polo Consello da Xunta, autorizouse a convocatoria dun total de 25 novas prazas por esta quenda de acceso, 15 na categoría de celador e 10 na de grupo auxiliar da función administrativa, o que permitirá, logo da resolución de tales procesos, a incorporación de 115 profesionais por este sistema de acceso.

Co obxecto de avanzar na integración laboral no ámbito sanitario das persoas con discapacidade e estender esta integración tamén ao ámbito da selección temporal, en próximas datas publicaranse as primeiras listas de selección temporal polo sistema reservado a persoas que acrediten unha discapacidade intelectual, na categoría de celador, cun total de 281 aspirantes admitidos.

Progresivamente, logo da finalización dos procesos de selección fixa para o acceso a novas categorías, iranse incorporando estas ao sistema de selección temporal, nos mesmos termos que para a categoría de celador, actualmente en tramitación.

Outras medidas

Xunto coas medidas de selección e provisión, o Servizo Galego de Saúde en colaboración coa Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde está a deseñar un plan específico de formación para as persoas con este grao de discapacidade, conscientes de que a formación continuada é unha ferramenta de apoio e un recurso necesario para os traballadores con discapacidade intelectual ao longo da súa vida laboral, que ten como obxectivo desenvolver coñecementos, habilidades e aptitudes así como prestar apoios especializados en situacións laborais cotiás que deberán axudalos no seu proceso de inclusión e integración.
 

Imaxes relacionadas