A Xunta porá en marcha a próxima semana formación especializada en xestión empresarial para os gandeiros ao abeiro da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego

Destacou o sistema de estudo de custos de produción que permitirá reforzar a posición dos produtores coas industrias, a futura marca Leite de pastoreo e a operación entre a sociedade gandeira Leite Noso e o grupo chinés Oviganic

Ao tempo, avanzou que en maio se presentará a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia e que a Estratexia do sector da carne tamén se porá en marcha proximamente

Sobre a Lei de recuperación da terra, aludiu aos polígonos agrarios proxectados nas estratexias sectoriais, ás máis de 18.000 ha que se agarda mobilizar e ás 200 aldeas modelo que se prevé crear co apoio dos fondos Next Generation

A maiores, o conselleiro fixo un chamamento aos grupos parlamentarios para acadar “acordos de lexislatura” en cuestións fundamentais como a futura PAC, na que deben terse en conta -dixo- as peculiaridades da nosa comunidade

Tamén fixo balance dos incendios do ano pasado, sinalando que se rexistraron 1.538 lumes forestais en Galicia con 14.837,40 ha afectadas, mentres en 2021 van 255 incendios dun total de 1.032,65 ha
 

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, debullou hoxe no Parlamento galego as liñas xerais de actuación do seu departamento. Coa recuperación, a calidade e a prevención como eixes da xestión da Consellería, José González puxo de relevo as estratexias promovidas pola Xunta para impulsar os distintos sectores produtivos galegos. Nesa liña, non só avanzou a primeira formación especializada dirixida aos gandeiros no marco da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego xa en marcha, senón que tamén sinalou que en maio se presentará a do viño e que a da carne tamén se porá en marcha proximamente.

Na súa intervención, o conselleiro sinalou que a folla de ruta para o medio rural de Galicia é clara, concisa e a longo prazo, pero suxeita a cambios para adaptarse ás circunstancias e aos eventuais pactos coa oposición. Nesa liña, instou aos grupos parlamentarios a chegar a “acordos de lexislatura” en cuestións fundamentais como o apoio aos distintos sectores, a anticipación aos incendios forestais, a futura PAC ou os proxectos presentados para acollerse aos fondos europeos Next Generation.

Con todo, José González recalcou que a Consellería do Medio Rural se caracteriza por unha clara planificación para levar adiante iniciativas cruciais como a Estratexia de dinamización do sector lácteo galego, que xa está en marcha para aumentar a rendibilidade das explotacións mediante a súa profesionalización e o incremento da súa base territorial. No primeiro caso, apóstase por unha formación especializada como o curso previsto a semana vindeira para impulsar as competencias empresariais nas explotacións gandeiras, que facilitará aos produtores coñecementos contables, financeiros e fiscais. No segundo caso, contémplase empregar os mecanismos que recolle a futura Lei de recuperación da terra agraria mentres se continuarán decretando reestruturacións parcelarias.

Para incidir na diferenciación e abordar novos nichos de mercado, estase a avogar -dixo- pola diversificación do produto que xera valor engadido, ao tempo que se regulará a marca Leite de pastoreo. Para fortalecer a posición dos produtores, habilitarase unha aplicación informática para que poidan calcular os seus custos de produción, facer estudos comparativos con respecto ao sector e ter maior capacidade para negociar coas industrias. Nesa dirección -apuntou- van proxectos como a operación establecida entre a sociedade gandeira Leite Noso e o grupo chinés Oviganic, un negocio no que teñen participación os propios gandeiros, cumprindo así as medidas establecidas na Estratexia.

Canto á Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, o conselleiro avanzou que no vindeiro mes de maio se presentará esta actuación conxunta entre o sector do viño, a Xunta e a Fundación Juana de Vega, que conta cun orzamento de máis de 700.000 euros por parte do Goberno galego. A estes cartos hai que sumar -apuntou- apoios como o préstamo vendima, que volverá activarse este ano e que na pasada campaña permitiu que a colleita estivera en liña coa media do último decenio. José González engadiu que, ao abeiro desta Estratexia, se impulsará a actualización do rexistro vitícola galego e se promoverán novas plantacións mediante polígonos de viñedo no marco da futura Lei de recuperación da terra agraria.

En relación á Estratexia do sector da carne, José González avanzou que tamén se porá en marcha proximamente. Un ano no que tamén marca como reto acadar un acordo parlamentario sobre o modelo da PAC, para que no próximo período de execución 2021-2027 se teñan en conta os intereses da nosa comunidade. Así, lembrou a postura conxunta de Galicia coas demais autonomías da Cornixa cantábrica e coas organizacións profesionais agrarias para a defensa de características comúns como as explotacións de tamaño medio e pequeno ou unha orientación produtiva cara a sectores como o lácteo, que as diferencian doutras zonas como a mediterránea.

Canto aos fondos europeos Next Generation, José González recordou que se vén de ampliar ata o 30 de abril o prazo para que as pemes do sector primario e agroalimentario galego presenten proxectos que poidan facer fronte aos efectos da covid-19, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia deseñado polo Goberno central. O conselleiro lembrou que estas iniciativas axudarán a definir as liñas estratéxicas de actuación no rural galego, así como a identificar os axentes interesados en participar nos proxectos tractores e transversais impulsados por Medio Rural, dentro do Polo para a transformación de Galicia presentado pola Xunta. Entre os proxectos que comprende, José González destacou a construción da biofábrica de fibras téxtiles, a posta en valor de ata 18.000 hectáreas de terra abandonada sumada á creación de 200 aldeas modelo -cun orzamento de 601 millóns- e o Centro de impulso da economía circular, que busca asegurar este principio na xestión de residuos para a súa transformación e valorización en produtos de máxima calidade.

Recuperación

Neste eido, o conselleiro destacou que a futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia se aprobará a mediados de maio. Neste sentido, resaltou que as principais ferramentas de mobilización de terras que contempla a Lei xa foron probadas con éxito a través de proxectos piloto, e que os principais obxectivos da norma son diminuír o grao de parcelamento, ampliar a base territorial das explotacións e permitir que aqueles novos emprendedores dispostos a investir no rural teñan onde e como facelo. Así mesmo, sinalou que devolvendo a terra á produción perséguese avanzar no asentamento de poboación, na creación de actividade económica e, en consecuencia, na anticipación aos incendios.

A maiores, o titular de Medio Rural apostou por afondar na ordenación territorial do rural de Galicia, cunha planificación integral do territorio e dos seus usos desde o punto de vista económico, ambiental e social, así como por investigar a propiedade rústica e a conseguinte actualización do Catastro. Tamén se comprometeu a seguir traballando na promoción da xestión conxunta de terras, no impulso do aproveitamento produtivo dos montes veciñais ou no desenvolvemento de mecanismos públicos de intermediación como os bancos de terras ou de explotacións, neste caso, para garantir o relevo xeracional á fronte das explotacións.

Canto aos instrumentos concretos, cómpre destacar as aldeas modelo e a súa fórmula para incentivar actuacións integradas co obxectivo de poñer a producir as faixas secundarias, as máis próximas ás vivendas, vitais para a protección das persoas e dos seus bens. Nesa liña, hai 12 figuras deste tipo xa declaradas e que en cinco xa contan con animais que se encargan da roza natural. En total, a Consellería recibiu máis de 70 solicitudes de aldeas modelo. Ademais, a Lei trae consigo a percepción de que as actuacións no territorio deben contribuír a facelo resistente fronte aos incendios forestais, pola vía dos polígonos cortalume pero tamén con calquera outra acción de posta en valor da terra que se fará sempre con criterios técnicos de prevención.

Calidade

Neste eido, o conselleiro salientou que a Lei da calidade alimentaria será a norma que rexa a calidade diferenciada na nosa comunidade, buscando darlle un pulo a estas producións e establecendo o marco legal que permita asegurar a calidade dos produtos agroalimentarios obtidos ou comercializados en Galicia. Nesa dirección, José González lembrou que a nosa é a autonomía con máis denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, reforzadas co recente selo de Artesanía Alimentaria de Galicia que busca poñer en valor este tipo de produtos de longa tradición, todo englobado na gran marca Galicia Calidade.

Neste apartado tamén tivo unha especial mención para Mercaproximidade, a rede aínda activa que foi creada hai xa case un ano, ao comezo da pandemia, para dar saída aos produtores agroalimentarios que se viron afectados polas restricións aplicadas na hostalaría, a restauración e os mercados locais. Así, cualificouna de éxito asegurando que conseguiu poñer en valor o consumo dos produtos de proximidade, recoñecidos pola súa calidade.

Prevención

Neste capítulo, o conselleiro do Medio Rural comezou lembrando o proxecto “Defensa Contra Incendios Forestais na fronteira Hispano-Lusa (Interlumes)”, que suporá construír a primeira base de medios aéreos fronteirizos. Así, apuntou como prioritario investir en formación especializada, a través do Centro integral para a loita contra o lume de Toén ou mediante accións para a poboación, para concienciar sobre os efectos dos incendios.

O conselleiro aproveitou para facer balance dos lumes de 2020, sinalando que se rexistraron 1.538 incendios, que afectaron 14.837,40 hectáreas (1.964,90 arboradas e 12.872,50 de monte raso). No que vai de 2021, producíronse 255 incendios con 1.032,65 ha afectadas (294,83 arboradas e 737,82 rasas). O titular de Medio Rural sinalou que -observando a serie histórica-, de todos os trienios, o conformado entre o 2018 e o 2020 rexistra en xeral unha tendencia á baixa tanto en número de lumes rexistrados como en superficie afectada.

Na súa intervención, José González puxo de relevo que case o 32% dos lumes que levamos en 2021 se produciron dentro da franxa horaria na que non poden actuar os medios aéreos, do que se deduce unha clara intencionalidade. Neste senso, lembrou que as investigacións realizadas revelan que a meirande parte dos lumes son intencionados, ao tempo que recalcou que os incendiarios serán postos a disposición xudicial, xulgados e condenados.

Canto aos medios, o conselleiro lembrou que están a disposición para a extinción máis de 7.000 persoas en toda Galicia e 360 motobombas, entre outros medios terrestres, contando a todo o persoal baixo o mando único da Xunta. Destacando que o tempo de traballo dos empregados fixos descontinuos se duplicou dende 2017 -ata acadar os seis meses-, puxo de relevo outras realidades como os 269 concellos adheridos ao Convenio de protección das aldeas subscrito entre a Xunta, a Fegamp e Seaga para a xestión da biomasa das franxas secundarias, e os 232 Plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais entregados ao abeiro deste convenio.

A maiores, incidiu na necesidade da prevención estrutural mediante a planificación e a ordenación da superficie forestal, así como coa recuperación da actividade agrícola e gandeira nas terras abandonadas, de xeito que se xeren descontinuidades que contribúan a atallar os incendios. Así mesmo, destacou actuacións como as de silvicultura que levan a cabo na comunidade, así como o impulso da multifuncionalidade dos montes. Canto ao Plan Forestal de Galicia 2021-2040, José González lembrou que persegue un desenvolvemento sustentable que xere emprego e economía verde baixa en carbono no noso rural.

Neste campo da prevención, o conselleiro tamén abordou o Plan de pastoreo e o Programa estratéxico do castiñeiro, na liña de buscar un beneficio económico que logre camiñar así mesmo cara á anticipación aos lumes e á creación de actividade económica.
 

Imaxes relacionadas