Ethel Vázquez avanza que este mes rematará a integración do Camiño Inglés no Tambre cun investimento da Xunta de 3 M€ para crear unha linguaxe única e identificativa da Ruta Xacobea

Vázquez Mourelle concreta que coa intervención na rúa Garabal se dota á zona norte do polígono de novas prazas de aparcadoiro, dunha senda segura para peóns e dun espazo axeitado para as manobras dos vehículos de gran tonelaxe

Destaca que a intervención da rúa das Mulas resolve a comunicación entre o cemiterio de Boisaca e o tanatorio, garantindo intimidade para estas actividades ao separar o paso dos camiñantes cunha senda flanqueada con árbores autóctonas

Subliña que as actuacións realizadas permiten habilitar máis de 190 prazas de aparcadoiro ordenadas e integradas, 50 máis das que había ata agora nese ámbito

Lembra que estas obras forman parte do proxecto integral de posta en valor dos Camiños á súa entrada en Compostela, cun investimento da Xunta de 10,5 M€, que estará rematado na súa totalidade este verán
 

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanza que este mes rematará a integración do Camiño Inglés na contorna do polígono do Tambre, logo dun investimento da Xunta de 3 millóns de euros, co obxectivo de crear unha linguaxe única e identificativa da Ruta Xacobea.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade supervisou hoxe as obras realizadas no polígono industrial de Santiago, na contorna do cemiterio e do tanatorio. No percorrido tamén participaron membros da corporación municipal de Santiago de Compostela e representantes da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre.

Vázquez Mourelle sinalou que a obra de mellora e integración paisaxística na rúa das Mulas, no treito entre o cemiterio e o tanatorio, e na rúa Garabal, quedará rematada na súa totalidade este mes, cun investimento da Xunta de máis de 1,1 millóns de euros.

Do conxunto dos traballos, destacou a humanización da contorna, coa dotación de beirarrúas e itinerarios peonís; a creación de novas prazas de estacionamento na área industrial; e a habilitación dunha zona para que os camións manobren con maior facilidade e seguridade.

Concretou que as obras nas proximidades da zona norte do polígono permitiron redefinir a sección da rúa Garabal para dotar novas prazas de aparcadoiro. Tamén se habilitaron espazos peonís, construíndo unha senda segura para peóns, e dotouse a zona dun espazo axeitado para facilitar as manobras dos vehículos de gran tonelaxe.

No caso da intervención na rúa das Mulas, os traballos tiñan como principal obxectivo resolver a comunicación entre o cemiterio de Boisaca e o tanatorio e separar as actividades lutuosas ligadas a estes equipamentos, garantindo unha maior intimidade, do paso dos peóns e peregrinos.

Para incidir nesa distinción de actividades, habilitouse unha senda para o uso do cemiterio e o tanatorio, dispoñéndose un espazo con bancos fronte ao tanatorio.

Tal e como apuntou a conselleira, tamén se trata de facer máis agradable e máis amable o paso dos camiñantes por este punto e para iso executouse unha senda, con pavimento diferenciado, para peóns e peregrinos, flanqueada por dúas seccións vexetais con árbores autóctonas, tanto polo lado da estrada como polo do viario que comunica co tanatorio.

Ademais, na parcela situada entre o cemiterio e o tanatorio habilitouse un novo aparcadoiro, para dar servizo á zona sur do polígono, ademais de a estes equipamentos.

Ethel Vázquez destacou que, grazas a esta intervención de integración paisaxística, se habilitaron máis de 190 prazas de aparcadoiro ordenadas e integradas, 50 máis das que había ata o de agora neste ámbito.

Indicou que todos estes traballos están practicamente finalizados, a falta de pequenos remates, como a colocación das luminarias no aparcadoiro e os últimos traballos de xardinería e urbanización, xunto co retranqueo dos postes de electricidade e telefonía da rúa Garabal.

A titular do departamento de Infraestruturas explicou que a actuación súmase e completa a xa executada e rematada no verán pasado, no treito entre o polígono e o cemiterio, na que tamén se reordenaron os aparcadoiros, humanizáronse as rúas e construíuse unha senda para os peregrinos.

A conselleira salientou que co remate este mes das intervencións de mellora e integración paisaxística do Camiño Inglés ao seu paso polo polígono do Tambre, logo dun investimento conxunto próximo aos 3 millóns de euros, conséguese compatibilizar o paso dos peregrinos coa actividade empresarial e a actividade do tanatorio e do cemiterio de Boisaca.

Lembrou que as actuacións enmárcanse no proxecto integral de posta en valor dos Camiños á súa entrada en Compostela, que supoñen un investimento da Xunta de 10,5 millóns de euros, e que estará rematado na súa totalidade no verán.

 

Imaxes relacionadas