A Xunta aproba o refinanciamento dos préstamos achegados a empresas e autónomos para facilitar a súa solvencia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria para a solicitude de renovación ou nova formalización de créditos, débedas e garantías, que estará aberta desde mañá ata final de ano

O obxectivo da iniciativa, dotada con 18M€, é seguir facilitando liquidez aos colectivos empresariais máis afectados pola actual situación económica mentres recuperan a súa actividade

Súmase ás medidas que se veñen de activar de ampliación dos prazos de devolución dos créditos e exención de compromisos nos apoios ao investimento que os beneficiarios non poden cumprir debido á pandemia da covid-19
 

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2021

A Xunta activa unha convocatoria para posibilitar o refinanciamento dos préstamos achegados ás empresas e autónomos galegos, así como das débedas e garantías vinculadas. Como recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG), a partir de mañá e ata final de ano poderanse solicitar as renovacións ou as novas formalizacións das operacións de crédito.

O obxectivo desta nova medida é seguir facilitando liquidez aos sectores produtivos máis afectados pola situación económica derivada da pandemia da covid-19. Ponse en marcha despois de constatar a necesidade de apoiar os proxectos empresariais viables, que manteñen a actividade empresarial e os postos de traballo, pero que non dispoñen dos recursos suficientes para cumprir cos prazos de reembolso dos créditos comprometidos. Ademais, pretende facilitar o pago para que os prexuízos aos terceiros que prestaron aval ou gravaron os seus bens para garantir as obrigas sexan os menores posibles.

A iniciativa afecta a todos os créditos facilitados a través das distintas liñas de apoio financeiro do Igape e dispón dunha dotación de 18 millóns de euros, cos que se pretende financiar as novacións aprobadas –de modificación de calendario de reintegro dos créditos, de extinción dos vencidos ou de extinción e renovación das cantidades non pagadas dos préstamos en vigor- que precisen achega económica.

Outras medidas de apoio á solvencia

A convocatoria publicada hoxe complementa ás dúas que o Goberno galego vén de poñer en marcha desde comezos de mes co mesmo obxectivo, contribuír a que o tecido produtivo galego, especialmente pemes e microempresas, poida ser solvente mentres recupera a súa actividade. Como publicaba o DOG a semana pasada, as empresas beneficiarias dos apoios ao investimento empresarial poderán estar exentas do cumprimento do compromiso de creación ou mantemento de emprego marcado nas bases da convocatoria, sempre que demostren que se debe ás consecuencias provocadas pola pandemia da covid-19.

A outra medida que se vén de activar é a ampliación dos prazos de reembolso dos préstamos e microcréditos achegados ao abeiro dos programas de financiamento activados pola Xunta o pasado ano, desde o comezo da pandemia, e que levan facilitado máis de 2500 créditos por valor de case 130 millóns de euros. Así, os beneficiarios disporán de tres anos máis para devolver as cantidades achegadas –ata sete ou oito anos de amortización, dependendo do tipo de crédito-, incrementándose ademais os períodos de carencia de 12 a 24 meses.

 

Imaxes relacionadas