Conde subliña que os concellos poderán axilizar a aprobación de licenzas coas mesmas garantías xurídicas e técnicas que ata agora a través das entidades de certificación municipal

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta maña en Lugo un encontro informativo cos alcaldes da provincia para explicar os detalles da nova Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia

Avanza que os Concellos Emprendedores poderán adherirse á Oficina Reactiva Galicia, a xanela única de atención ao investidor

Destaca a necesidade de seguir apostando pola unidade e a cooperación entre administracións para afrontar a recuperación económica e para impulsar proxectos no marco dos fondos europeos

Lugo, 13 de abril de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta mañá en Lugo unha reunión informativa cos alcaldes da provincia para explicar en detalle as novidades contempladas na nova Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
No encontro, Conde destacou que os concellos poderán axilizar a aprobación de licenzas coas mesmas garantías xurídicas e técnicas que ata o de agora a través das entidades de certificación de conformidade municipal (ECCOM).

“A nova lei permite a axilización dos trámites e a colaboración entre Xunta e concellos para dar resposta aos investidores e achegar certezas na tramitación administrativa”, asegurou o vicepresidente económico quen incidiu en que o novo instrumento normativo facilita o investimento e impulsa unha administración máis áxil.

Tal e como explicou, as ECCOM encargaranse de avaliar os diferentes proxectos, o que permitirá axilizar a aprobación de licenzas mantendo as garantías xurídicas e técnicas e favorecendo a liberación de carga administrativa. Tamén puxo en valor a figura dos Concellos Emprendedores, que xa suman o 45% do total (140) en toda Galicia e avanzou que se poderán adherir á Oficina Reactiva Galicia para dar un mellor servizo e atención ao investidor.

Conde subliñou que a Lei nace da necesidade de trasladar estabilidade e confianza ao tecido empresarial nunha situación na que a economía precisa de estímulos. Por iso, actúa en dúas frontes: a simplificación administrativa e o apoio ao investimento.

Con respecto á simplificación, establece un prazo xeral de tres meses para emitir informes vinculados á Administración autonómica; aplica o silencio administrativo positivo; amplía os supostos de iniciativas empresariais prioritarias e proxectos industrias estratéxicos tendo en conta as propostas que sexan seleccionadas para optar aos fondos europeos; e recolle esta figura para os proxectos de xeración eléctrica a partir de renovables cando estean vencellados ao autoconsumo industrial.

En canto ao apoio ao investimento, contémplase a apertura dunha xanela única de atención ao investidor: a Oficina Reactiva Galicia que inclúe o servizo Doing Business de atención á empresa e Igape Responde que prestará servizos de asesoramento. Ademais, recolle varias iniciativas para impulsar a economía e xerar emprego no rural.

Next Generation

Na súa intervención, o vicepresidente segundo tamén se referiu á oportunidade que representan os fondos europeos Next Generation para impulsar a reactivación económica de Galicia e á necesidade de seguir apostando pola unidade interna e a cooperación externa con todas as administracións para afrontar a situación actual.

Conde lembrou que Galicia conta xa con 354 proxectos que representan un orzamento público-privado de 19.700M€ e, en concreto, destacou o impulso que pode recibir o forestal a través de proxectos recollidos na candidatura galega como TechMadeira que, cun investimento de 38M€, levará a dixitalización e a innovación ás empresas do sector. Un dos seus obxectivos é promover a construción en madeira local en contornos urbanos, rurais ou industriais.

Imaxes relacionadas