A Xunta reparte 200.000 euros entre 10 asociacións de criadores para fomentar as razas autóctonas galegas

O DOG publica hoxe a resolución coas axudas concedidas ao abeiro da convocatoria de 2021 para modernizar o sector en materia de xenética, sanidade e produción animal, así como para garantir a rendibilidade das explotacións

Tamén se persegue a mellora da eficiencia dos sistemas produtivos agrarios e da calidade destas producións, xa que as razas autóctonas son un claro exemplo de recurso xenético fundamental na preservación de ecosistemas, dos pastos e para a prevención de incendios forestais

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural que dá publicidade ás entidades beneficiarias das axudas convocadas este ano para o fomento das razas autóctonas galegas. Así, repartíronse un total de 200.000 euros entre 10 asociacións de criadores da nosa comunidade para reafirmar o compromiso da Xunta coa conservación destas razas, apostando pola súa protección e defensa.

Cómpre sinalar que cada unha das entidades beneficiarias recibiu 20.000 euros. En concreto, outorgóuselles subvención as asociacións de criadores das razas bovinas Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa. Así mesmo, concedéuselles axuda ás asociacións de criadores do cabalo de Pura Raza Galega, do Porco Celta, da raza Ovella Galega e da raza Cabra Galega, así como á de avicultores da raza Galiña de Mos.

Esta liña de achegas ten como finalidade aumentar a rendibilidade das explotacións gandeiras galegas e modernizar o sector en materia de xenética, sanidade e produción animal. Tamén busca unha mellora da eficiencia dos sistemas produtivos agrarios e da calidade neste tipo de producións, xa que as razas autóctonas son un claro exemplo de recurso xenético fundamental na preservación de ecosistemas, dos pastos e para a prevención de incendios forestais.

Cabe lembrar que os beneficiarios potenciais destas axudas son todas aquelas organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas que estean oficialmente recoñecidas para a xestión do libro xenealóxico das razas autóctonas españolas pola comunidade autónoma galega.

As actuacións subvencionables en virtude desta orde de axudas son a creación ou mantemento de libros xenealóxicos, incluíndo os gastos derivados da súa actividade, os do local ou oficinas, a actualización, adquisición e mantemento de ordenadores e material informático, así como a contratación e gastos de persoal técnico e administrativo. Tamén son subvencionables os gastos que se deriven do desenvolvemento do programa de mellora oficialmente recoñecido para a raza, no que se recollerán as actividades destinadas á conservación in situ da mesma, así como a creación e mantemento de bancos de xermoplasma en centros autorizados oficialmente e as probas destinadas a determinar a calidade xenética ou o rendemento do gando.

Imaxes relacionadas