A Xunta participa nos actos do 350º aniversario do ‘Entremés famoso sobre a pesca no río Miño’

O libro 'Miño, río das letras', que sae do prelo co apoio da Consellería de Cultura, inclúe unha edición facsímile da primeira peza escrita en galego en 1671 por Gabriel Feixoo de Araúxo

Os xardíns da Área Panorámica locen desde hoxe un monolito conmemorativo doado pola Escola de Canteiros de Poio sobre deseños de Siro López
 

Tui (Pontevedra), 12 de abril de 2021

A Xunta de Galicia, representada polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe en Tui nos actos do 350º aniversario da publicación da obra A contenda dos labradores de Caldelas, máis coñecida como Entremés famoso sobre a pesca no río Miño, unha peza teatral de Gabriel Feixoo de Araúxo datada arredor de 1671, que pasa por ser a primeira escrita en galego. O libro Miño, río das letras, que sae do prelo co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, inclúe unha edición facsímile desta peza.

O secretario xeral de Política Lingüística destacou durante a súa intervención que A contenda de Caldelas é testemuño do irmandamento dos pobos galego e portugués e das intensas e seculares relacións sociais e fraternais entre as dúas beiras do Miño”, unhas relacións “sempre apuntaladas por unha proximidade xeográfica pero sobre todo cultural e lingüística”, engadiu.

No acto de presentación da obra, enmarcado na celebración das festas patronais de San Telmo, participaron tamén o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o presidente da Asociación de Amigos do Couto Mixto, Luís García Mañá; o presidente da Fundación Lois Peña Novo, Xosé González Martínez; e o presidente da Cámara de Monçao, António Barbosa.

A seguir, descubriuse nos xardíns da Área Panorámica un monumento conmemorativo do 350º aniversario doado pola Escola de Canteiros de Poio e o gaiteiro Diego Alonso e o percusionista Ramón Corral ofreceron unha pequena actuación.