A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade participou hoxe, por videoconferencia, na xornada sobre Plans de Investimento das Comunidades Autónomas no marco do encontro ‘Investagua’

Ethel Vázquez avanza que a Xunta convocará este mesmo mes as primeiras axudas aos concellos para localizar fugas nas redes municipais de abastecemento de auga

Vázquez Mourelle salienta que esta orde de subvencións, dotada con 500.000 €, pretende facer fronte a unha media de perda do 30% de auga das redes en Galicia, en liña cos obxectivos da Lei de garantías de abastecemento aprobada en 2019

Avanza a convocatoria en maio das terceiras axudas para financiar a elaboración de plans municipais de emerxencia ante eventos de seca, cun orzamento de 250.000 €

Subliña que antes do verán se convocarán as segundas axudas ao financiamento da mellora de sistemas de abastecemento autónomo, dotadas de 750.000 €

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta convocará este mesmo mes as primeiras axudas aos concellos para localizar fugas nas redes municipais de abastecemento de auga.

Vázquez Mourelle participou esta mañá, por videoconferencia, na xornada sobre Plans de Investimento das Comunidades Autónomas no marco do encontro especializado ‘Investagua’.

Explicou que, en liña cos obxectivos da nova Lei de garantía de abastecemento, aprobada en 2019, e considerando as dificultades dos municipios para xestionar a vulnerabilidade das redes, a Xunta impulsa dous programas de axudas.

Concretou que unha liña destas subvencións se dirixe ao financiamento da instalación de instrumentos de monitorización de perdas nas redes de abastecemento. Trátase dunhas axudas dotadas dun importe de 500.000 euros, que serán convocadas a finais deste mes.


Detallou que as perdas nos sistemas de abastecemento se atopan case no 30%, polo que estes incentivos contribuirán a garantir as demandas de auga da poboación, mitigar o cambio climático e protexer o equilibrio dos ecosistemas fluviais.

Engadiu que en maio tamén se convocarán, por terceiro ano consecutivo, as axudas para financiar a elaboración de plans municipais de emerxencia para mellorar a xestión do abastecemento en caso de escaseza de recursos hídricos. Esta orde de subvencións contará cun orzamento de 250.000 euros.

Ademais, a Xunta convocará antes do verán as segundas axudas, cun investimento de 750.000 euros, destinadas ao financiamento da mellora de sistemas de abastecemento autónomo, que dan servizo a 580.000 galegos.

A conselleira engadiu a estas iniciativas as obras que a Xunta prevé executar para apoiar aos concellos aproveitando os fondos europeos. Así, o Goberno galego proxecta executar obras por valor de 185 millóns de euros, dos que 150 millóns son para o saneamento das rías, 12 para a xestión de riscos de inundacións e 23 para actuacións en municipios pequenos.

Tamén aos concellos, especialmente aos máis pequenos, se dirixirán parte dos Fondos europeos de recuperación, que permitirán licitar este ano 20 obras de saneamento por un importe de 12 millóns de euros. A isto debe engadirse unha orde de subvencións para o financiamento de pequenas obras de abastecemento e saneamento que necesiten os concellos, por valor de 4 millóns de euros, recentemente convocada.

A conselleira puxo en valor o esforzo técnico e económico que realiza a Xunta para apoiar aos concellos na prestación dos servizos municipais da auga e reclama a implicación das deputacións provinciais. Nese sentido, subliñou o investimento na última década de máis de 1.100 millóns de euros, que permitiu levar a cabo 350 obras de saneamento e 300 de abastecemento, executando 45 novas depuradoras con capacidade para servir a 1,5 millóns de habitantes equivalentes.

Salientou que actualmente Galicia se atopa nun momento clave para a culminación do saneamento das rías, pois a maioría das actuacións que faltan están xa en execución ou tramitándose.

Así, estanse a mobilizar 57 M€ nos saneamentos de Pontedeume, Cabanas, Rianxo, Pontevedra, Marín, Poio ou Viveiro. Tamén se están tramitando máis de 123 M€ no resto de obras de saneamento pendentes, nas que se inclúen a rede de Pontevedra, Vilagarcía, Cambados, Vilanova, Burela, Foz, Sada, Betanzos, Cee ou Corcubión, entre outros municipios. Ethel Vázquez destacou que a Xunta tamén continuará apoiando con cofinanciamento as obras de Interese Xeral do Estado, que están pendentes de execución.

Imaxes relacionadas