A Xunta destaca o papel das entidades de certificación de conformidade municipal (ECCOM) para apoiar ás administracións locais na tramitación de proxectos empresariais

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo unha xuntanza esta semana con varias destas entidades na que informou das novidades da Lei de reactivación económica

Pediu a súa colaboración para permitir aos concellos axilizar a aprobación de licenzas coas mesmas garantías xurídicas e técnicas que ata agora
 

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2021.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reuniuse esta semana con representantes de varias entidades de certificación de conformidade municipal (ECCOM) para informar das novidades da Lei de reactivación económica e reforzar o traballo conxunto no contexto actual marcado polas consecuencias da covid-19. Neste sentido, subliñou o papel que estas entidades terán á hora de apoiar ás administracións, sobre todo locais, na avaliación dos distintos proxectos empresariais que contribúan á recuperación económica.

Así, en consonancia cos obxectivos da nova Lei, a implicación das ECCOM permite aos concellos axilizar a aprobación das licenzas coas mesmas garantías xurídicas e técnicas que ata agora, liberando ao mesmo tempo ás administracións municipais de carga administrativa.

Neste sentido, a normativa -recentemente aprobada no Parlamento galego-, nace da necesidade de trasladar estabilidade e confianza ao tecido empresarial para avanzar na simplificación administrativa e reforzar o apoio ao investimento.

Desde o punto de vista da simplificación, establécese un prazo xeral de tres meses para emitir informes vinculados á Administración autonómica e amplíanse os supostos de iniciativas empresariais prioritarias e proxectos industriais estratéxicos co obxectivo de axilizar os proxectos seleccionados para optar aos fondos Next Generation, entre outras medidas.

En canto ao apoio ao investimento, ábrese a xanela única da Oficina Reactiva Galicia que contará cos servizos Doing Business e Igape Responde, para facilitar tanto a tramitación como o asesoramento.

Estas medidas pretenden favorecer o desenvolvemento de proxectos en Galicia e consolidar un crecemento sólido e sustentable.
 

Imaxes relacionadas