A Xunta continúa a vindeira semana cos traballos de roza e limpeza nas estradas de titularidade autonómica das provincias da Coruña, de Ourense e de Pontevedra

Proseguirán os labores que nas últimas semanas se están a realizar na provincia da Coruña na vía de alta capacidade VG.-1.2, en Ares e Mugardos

Continuarase coas tarefas iniciadas hai tres semanas na estrada OU-536, ao seu paso polos municipios ourensáns de Esgos, Xunqueira de Espadanedo, Maceda, Castro Caldelas, A Pobra de Trives e Ourense

Na provincia de Pontevedra seguirán executándose os traballos na V.G.- 4.4, en Marín e na CG-4.2, nos concellos de Tomiño e A Guarda

Estas intervencións potencian o efecto cortalumes das estradas, incrementan a seguridade viaria, cunha maior visibilidade, e fomentan unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil
 

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2021

A Xunta ten previsto continuar a vindeira semana cos traballos de roza e limpeza nas estradas de titularidade autonómica das provincias da Coruña, de Ourense e de Pontevedra.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses este acondicionamento nas franxas de dominio público de vías da Xunta para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

No marco destas intervencións, proseguirán os traballos que nas últimas semanas se están a realizar na provincia da Coruña, na vía de alta capacidade VG.-1.2, que comunica a contorna do polígono de Vilar do Colo e Mugardos, ao seu paso polos municipio de Ares e Mugardos.

Ao tempo, continuaranse os labores iniciados hai tres semanas na estrada OU-536, ao seu paso polos concellos ourensáns de Esgos, Xunqueira de Espadanedo, Maceda, Castro Caldelas, A Pobra de Trives e Ourense.

Na provincia de Pontevedra proseguirán os traballos na vía de altas prestacións V.G.- 4.4, no municipio de Marín, e na CG-4.2, nos concellos de Tomiño e A Guarda.

O conxunto de tarefas realizadas no marco deste contrato coa empresa pública Seaga, véñense realizando ao longo do ano, centrándose principalmente na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais.

Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas autonómica, reducindo progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.

Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas.

As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.
 

Imaxes relacionadas