A Xunta apoia con preto de 2,4M€ a 95 asociacións e federacións de comerciantes para impulsar a competitividade do sector

As axudas, que chegan aos 49.000 euros, permiten atraer clientela ao comercio de proximidade e mellorar os servizos na actual situación económica

Entre as principais novidades, concédense apoios para a activación de market places para venda e promoción dos produtos dos establecementos asociados

O Goberno galego abrirá o próximo mércores, 14 de abril, o prazo para que pequenas e medianas empresas e autónomos poidan solicitar as axudas do Bono Enerxía Peme e Comercio
 

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2021

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, vén de publicar esta semana no Diario Oficial de Galicia (DOG) a concesión de apoios por preto de 2,4 millóns de euros a 95 asociacións e federacións de comerciantes para impulsar a competitividade do sector coa posta en marcha de iniciativas que mobilizarán máis de 3,7M€.

O apoio a estas entidades por parte da Xunta de Galicia permite impulsar o papel dinamizador do comercio na actividade das vilas e cidades galegas a través de iniciativas que permiten atraer clientela e mellorar os servizos que se ofrecen aos consumidores na actual situación económica.

Por unha banda, a Xunta concede máis de 2 millóns de euros a centros comerciais abertos e asociacións de praceiros que mobilizarán 3,2M€ en proxectos que inclúen iniciativas de dinamización comercial e sistemas de fidelización. Ademais, os apoios tamén poden servir para xestionar a adquisición centralizada de equipos de protección.

En concreto, obteñen axudas 56 centros comerciais abertos, por importe de ata 40.000 euros, en función do número de comercios asociados e a poboación da localidade na que estean situados. A través desta liña tamén reciben axudas 26 asociacións de praceiros que, ademais de proxectos de fidelización e dinamización desenvolven iniciativas relacionadas coa mellora de instalacións e equipamentos, incluída a adquisición centralizada de equipos de protección fronte á covid-19. As axudas chegan a un máximo de 9800 euros.

Como novidade, tanto os centros comerciais abertos como as asociacións de praceiros podían optar a apoios para a posta en marcha de market places ou outras iniciativas dixitais para a venda e promoción de produtos dos comercios asociados. Tamén para o desenvolvemento de sistemas centralizados de envío e entrega a domicilio, e a contratación de servizos externos para a xestión de contidos nas redes sociais.

A través da segunda liña concédense 334.000 euros a 13 asociacións de ámbito superior ao municipal ou federacións que mobilizarán preto de 500.000 euros no impulso do comercio de proximidade e a incentivación do consumo a través do tícket de dinamización comercial. Neste caso, os apoios poden chegar aos 49.000 euros.

Bonos Activa Comercio e Enerxía Peme e Comercio

Ambas os dous programas permiten completar ao Plan de axudas ao comercio galego que está activando a Xunta de Galicia e no que se inclúen medidas que se porán en marcha, como o Bono Activa Comercio, unha medida coa que se prevé beneficiar a 330.000 clientes a través de bonos desconto de 30 euros cos que se mobilizarán máis de 55M€ en vendas nos establecementos de proximidade.

Nesta mesma liña, tamén cómpre destacar que o próximo mércores, 14 de abril, se abrirá o prazo para solicitar o Bono Enerxía Peme e Comercio, unha nova medida que ten como obxectivo axudar a pequenas e medianas empresas e a autónomos dos sectores máis afectados polas restricións derivadas da pandemia, entre os que se encontra o comercio, a hostalería, así como as actividades artísticas, recreativas e de entretemento. Trátase de mellorar as súas instalacións enerxéticas con apoios que suman un total de 3 millóns de euros.

Esta nova liña de axudas, coa que se prevé chegar a 1000 pemes e autónomos, permitirá mobilizar ao redor de 5M€, aforrar 300.000 euros ao ano na factura enerxética destas empresas e negocios, unha redución do consumo enerxético de 3000MWh/ano –o impacto equivalente na redución de CO2 de plantar 45.000 árbores–, así como crear ou manter ao redor de 70 postos de traballo.
 

Imaxes relacionadas