A Xunta impulsa máis de 400 concertos nas 28 salas beneficiarias das axudas para a programación musical do Xacobeo 2021

Publícase a adxudicación da convocatoria extraordinaria de subvencións, dirixida a espazos legalmente habilitados para organizar espectáculos musicais con público

Cun investimento de 560.000 euros, sufragarase tanto o desenvolvemento das actuacións como gastos de mantemento

Atendéronse todas as solicitudes que reunían os requisitos esixidos, cunha achega de 20.000 euros a cada un dos locais
 

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2021

A Xunta de Galicia acaba de facer pública a adxudicación da convocatoria extraordinaria de subvencións a salas privadas habilitadas legalmente para organizar espectáculos musicais con público, a través da que contribuirá ao desenvolvemento de máis de 400 concertos nos 28 espazos beneficiarios. A convocatoria, cun investimento de 560.000 euros e inserida no marco do Xacobeo 2021, responde á implicación do Plan de reactivación da cultura fronte á covid-19 co obxectivo de lle achegar liquidez a este tipo de espazos, tanto para aliviar os efectos económicos do seu peche por mor das restricións aplicadas durante a pandemia, como para retomar a súa actividade.

Con tal fin, destínanse 20.000 euros a cada unha das salas subvencionadas para o desenvolvemento dun mínimo de 15 actuacións ao vivo ata o 31 de outubro como parte da programación musical do Xacobeo 2021, ademais de para asumir os custos de persoal e mantemento dos locais.

Os espazos adxudicatarios son Dux, Filomatic, Garufa Club, Inn Club, Mardi Gras e Pelícano da Coruña, A Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro, SalaSon de Cangas, Sala LaRoom e Sala Ruído de Ferrol, A Ventana de Laxe, Clavicémbalo, Sala JagerLounge, Sala Morango e Sala Tebras de Lugo, Sala Gatos de Melide, Café Teatro Bajo 5 e Pub Baranda do Barco de Valdeorras, Sete Flores do Carballiño, Discoteca Chanteclair de Pontecesures, Sala Guión de Pontedeume, Sala Krazy Kray e Discoteca Queen de Pontevedra, Casa das Crechas, Moon Music Club, Riquela e Sala Sónar de Santiago de Compostela e Anubis de Tui.

Habilitación normativa

Deuse así resposta a todas as solicitudes que cumprían os requisitos esixidos, entre os que se atopaba o da habilitación como sala de concertos, sala de festas ou café-espectáculo, de conformidade coa definición recollida no Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público (Decreto 124/2019, do 5 de setembro), ademais de como café-concerto, café categoría especial ou tablao flamenco, segundo o Decreto 292/2004, do 18 de novembro.

Este apoio por parte do Goberno autonómico, enmarcado no Plan de reactivación da cultura da Xunta que viu incrementado o seu orzamento este ano en 23 millóns de euros, busca contribuír á recuperación da actividade e preservar o emprego no conxunto do sector, tanto desde o punto de vista artístico como técnico. Tamén se pretende recuperar a confianza do público na asistencia aos espectáculos, garantindo a seguridade en teatros, auditorios e demais recintos, en cumprimento estrito das medidas sanitarias en vigor.

Neste caso, o Goberno galego recoñece con esta iniciativa o papel fundamental das salas privadas de concertos para o sector musical, tanto na súa condición de impulsoras de numerosas carreiras de solistas e grupos, como pola función de centros de dinamización cultural das súas respectivas localidades. A Xunta continúa así a lle dar resposta á situación pola que atravesan os profesionais e as empresas musicais con motivo da evolución da pandemia, sumándose a outras iniciativas xa postas en marcha.

A adxudicación está dispoñible para a súa consulta na web do Departamento de Industrias Culturais da Xunta de Galicia.
 

Imaxes relacionadas