A Xunta completa a formación do alumnado do Ciclo Superior de Xestión Forestal e do Medio Natural con prácticas nos distritos

Durante este último trimestre do curso, os alumnos dos centros de Sergude, Lourizán e Becerreá desenvolverán diversas actividades dirixidas á mellora dos seus coñecementos e á aplicación práctica do xa adquirido

Os centros educativos de formación e experimentación, dependentes da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), subscriben desde o ano 2000 este tipo de convenios anuais cos diferentes distritos forestais da Xunta

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2021

A Consellería do Medio Rural completa a formación teórica que imparte aos alumnos do ciclo superior de xestión forestal e do medio natural con prácticas nos distintos distritos forestais, co fin de facilitarlle aos alumnos a súa incorporación ao mercado laboral.

Así, os discentes do segundo e derradeiro ano da formación profesional deste ciclo, que se imparte nos centros de formación e experimentación agroforestal de Sergude (Boqueixón), Lourizán (Pontevedra) e Becerreá xa teñen asinados os seus respectivos convenios para completar a súa formación práctica.

Neste senso, durante este último trimestre do curso, os alumnos desenvolverán diversas actividades dirixidas á mellora dos seus coñecementos e á aplicación práctica do xa adquirido. Entre outras actividades, adquirirán competencias na realización de traballos de repoboación forestal e de tratamentos silvícolas, aplicando técnicas de implantación, mellora e construción. Tamén porán en práctica técnicas de control fitosanitario seguindo os protocolos establecidos, ademais de traballos de aproveitamento do medio forestal, actividades de conservación do espazo natural e de aproveitamento das especies cinexéticas e piscícolas.

Así mesmo, realizarán operacións de produción de plantas forestais, identificando as técnicas e utilizando os recursos e as instalacións dispoñibles, así como actuacións de prevención de incendios forestais, seguindo sempre as instrucións establecidas polo persoal do distrito.

Cabe lembrar que os centros educativos de formación e experimentación, dependentes da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), subscriben desde o ano 2000 este tipo de convenios anuais de colaboración cos diferentes distritos forestais da Xunta, de acordo coa normativa vixente emitida pola Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural