O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, asinou esta semana un convenio de colaboración coa Federación Galega de Asociacións Universitarias Seniors

A Xunta porá en marcha un programa de formación sobre comercio electrónico e consumo responsable dirixido ás persoas maiores

A iniciativa, que desenvolve o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), consta de oito talleres de diferentes temáticas nos que se prevé a participación de 2500 persoas

As clases impartiranse entre abril e setembro na modalidade presencial ou en liña, na plataforma de teleformación da Federación Galega de Asociacións Universitarias Seniors (Fegaus)

As temáticas abordan consellos para mercar a través de internet, a factura da luz e o novo bono social, a telefonía móbil, as contas bancarias básicas, as tarxetas revolving ou os dereitos das persoas consumidoras e usuarias e a resolución de conflitos de consumo a través da arbitraxe
 

Santiago de Compostela, 10 abril de 2021

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, asinou esta semana un convenio de colaboración coa Federación Galega de Asociacións Universitarias Seniors (Fegaus) para a posta en marcha dun programa de formación sobre comercio electrónico e consumo responsable dirixido ás persoas maiores. A iniciativa, que desenvolve a Xunta de Galicia a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), consta de oito talleres de diferentes temáticas nos que se prevé a participación de 2500 persoas.

Os talleres impartiranse entre abril e setembro nas seguintes modalidades: telepresencial, mediante a propia plataforma de teleformación da Federación Galega de Asociacións Universitarias Seniors —Ágora Canal Senior—; presencial, nas instalacións do Instituto Galego do Consumo e da Competencia ou en entidades colaboradoras; e a través da videoteca tanto do IGCC como de Fegaus.

En base á súa experiencia e coñecemento das distintas problemáticas que afectan ás persoas consumidoras de maior idade, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia é o encargado de deseñar e elaborar os contidos dos diferentes talleres. As temáticas abordan consellos para mercar a través de internet, a factura da luz e o novo bono social, a telefonía móbil, as contas bancarias básicas, as tarxetas revolving ou os dereitos das persoas consumidoras e usuarias, e a resolución de conflitos de consumo a través da arbitraxe.

En virtude deste convenio, tamén se realizarán outras actividades como o desenvolvemento dun portal global de contidos que será un punto de referencia na aprendizaxe sobre o consumo responsable para as persoas maiores. Ademais, crearase unha rede de centros colaboradores e impartirase formación para as persoas voluntarias que colaboren con eses centros.
 

Imaxes relacionadas