A Consellería do Mar convoca dous cursos de recolector/a de recursos específicos con técnicas de mergullo para 24 alumnos

As persoas interesadas en matricularse poden facelo ata o vindeiro 23 de abril e as accións formativas impartiranse entre os meses de maio e xullo

Antes da realización do curso os matriculados deberán superar unhas probas físicas en piscina e someterse ao test de compresión e tolerancia ao osíxeno hiperbárico

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2021

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, dependente da Consellería do Mar, vén de convocar dous cursos de recolector/a de recursos específicos con técnicas de mergullo no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa). O prazo de matrícula nestes cursos, con 12 prazas cada un, está aberto ata o 23 de abril.

A primeira destas accións formativas, que se impartirán na sede do Igafa, na Illa de Arousa, será entre o 24 de maio e o 15 de xuño en horario de 15.30 a 20.30 horas e de luns a venres. Mentres, o segundo curso celebrase de luns a venres entre o 16 de xuño e o 8 de xullo en horario de 15.00 a 20.00 horas. A finalidade desta formación é que as alumnas e alumnos matriculados poidan acreditar a súa capacidade para traballar nun plan de explotación a mergullo para extraer recursos específicos, como algas, ourizos, peneiras ou longueirón, entre outros.

Antes da realización do curso as persoas matriculadas deberán facer unhas probas físicas en piscina. O listado das seleccionadas para realizar as probas físicas publicarase o 3 de maio no taboleiro de anuncios do Igafa e na web da Consellería do Mar. As datas de realización das probas físicas serán o 6 e o 7 maio ás 16.00 horas. Unha vez superadas estas probas deberán realizar o test de compresión e tolerancia ao osíxeno hiperbárico. Estes terán lugar o 20 e o 21 de maio ás 16.00 horas e as persoas candidatas que non superen esta proba quedarán automaticamente excluídas.

Para poder presentarse á proba da cámara hiperbárica, as interesadas e interesados deberán presentar un certificado médico que acredite a súa aptitude para realizar esta proba así como unha PCR negativa feita nas 72 horas previas á realización do test na cámara hiperbárica.

As persoas interesadas en matricularse nos cursos poden consultar os requisitos necesarios, a documentación que teñen que presentar, os criterios de selección e o material necesario para realizar os cursos na convocatoria que se pode consultar no taboleiro de anuncios do Igafa ou na web da Consellería do Mar, no seguinte enlace.