Os interesados en solicitar unha axuda á mellora da conservación e da accesibilidade dos inmobles dispoñen ata o 22 de abril

Os beneficiarios desta liña de incentivos, que conta cun importe de 680.000 euros, son as persoas propietarias de vivendas unifamiliares e as comunidades de propietarios

Entre as actuacións subvencionables destacan a instalación de ascensores, salvaescaleiras ou ramplas, así como outros dispositivos de accesibilidade adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial ou intelectual
 

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantén aberto o período para solicitar unha axuda ao abeiro do programa de fomento de conservación e mellora de accesibilidade das vivendas.

Así, todos os interesados en solicitar unha axuda para levar a cabo unha actuación de mellora da conservación ou da accesibilidade dispoñen ata o 22 de abril para presentar a súa solicitude.

Os beneficiarios desta liña de axudas son persoas propietarias de vivendas unifamiliares, de edificios de tipoloxía residencial colectiva e das vivendas situadas nestes edificios, as comunidades de propietarios, así como as agrupacións de propietarios.

A convocatoria do ano 2021 do programa de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021 establece un orzamento inicial de 680.000 euros de fondos propios da Xunta; e que poderá ampliarse en máis de 2,3 millóns de euros, unha vez que o Goberno central transfira á Comunidade os fondos estatais consignados.

Entre as actuacións subvencionables están as actuacións de rehabilitación de edificios ou vivendas, como as relativas ao estado de conservación da cimentación, da estrutura e das instalacións, das cubertas, azoteas, fachadas e medianeiras.

No caso das melloras de accesibilidade, destacan a instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial ou intelectual, así como calquera intervención que facilite a accesibilidade universal, como elementos de información ou de aviso ou dispositivos electrónicos de comunicación.

Os beneficiarios dunha axuda desta liña de mellora dos inmobles dispoñen ata o 30 de novembro para executar as obras obxecto da subvención.
 

Imaxes relacionadas