A Xunta avalía coa Fegamp o uso compartido e o deseño de patios cubertos e pistas multideporte dos colexios atendendo ao Plan de nova arquitectura pedagóxica

O conselleiro de Educación trasládalle ao presidente do organismo supramunicipal a vontade de avanzar na colaboración mutua para a apertura destes espazos ao conxunto da cidadanía

Román Rodríguez salienta a importancia de aproveitar sinerxías para abrir os espazos educativos á sociedade, coas instalacións ao servizo das persoas

O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, dotado con 191M€ para esta lexislatura, é a folla de ruta para adaptar os centros escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas
 

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2021

Dentro da rolda de contactos para dar a coñecer o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que está a impulsar a Xunta de Galicia, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo con representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias, (Fegamp), encabezados polo seu presidente, Alberto Varela, co fin de presentarlle o texto e avanzar na colaboración conxunta ao respecto.

Un dos temas abordados foron os novos deseños así como os usos de patios cubertos e pistas multideporte en colexios e institutos, que a partir de agora se van deseñar seguindo os criterios establecidos en dito plan, que será a folla de ruta para os centros escolares nesta lexislatura.

Segundo explicou o conselleiro, a idea central é abrir estes espazos á cidadanía, é dicir, “aproveitar ao máximo as sinerxías para que toda a comunidade, non só a escolar, se poida beneficiar destas infraestruturas que están feitas con recursos públicos”. Nesta liña, Román Rodríguez avoga por afondar no diálogo coa Fegamp, como máximo órgano representativo dos concellos en Galicia, para regular este uso compartido de espazos públicos e, deste xeito “maximizar a rendibilidade dos investimentos realizados polas administracións autonómica e municipais”.

Así pois, acordouse iniciar unha senda de traballo conxunto para a elaboración dun documento marco que regule as condicións de relación entre ambas administracións neste asunto.

Instalacións modulares

Tal e como recolle o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, no que atinxe aos patios cubertos avógase por instalacións modulares e adaptables, que teñen en conta a climatoloxía de Galicia e que dean resposta tanto ás necesidades de lecer dos nenos ou que se poidan usar como espazos complementarios de docencia en cumprimento dos protocolos covid.

No que atinxe ás pistas multideporte, o obxectivo radica en fomentar unha vida sá entre o alumnado e os usuarios do concello permitindo un uso polivalente dentro e fóra do horario escolar. En ambos casos, os deseños serán adaptados á contorna onde se inxiren, e deberán ter en conta tamén as condicións medioambientais enfocadas a unha redución do gasto enerxético.

O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, dotado con 191 millóns de euros para esta lexislatura, ten como reto o deseño dunha nova infraestrutura institucional educativa que responda ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas.

Ademais dos aspectos funcionais e medioambientais no deseño e dos usos dos espazos físicos, o Plan fai fincapé nos aspectos académicos, sobre todo vinculados á estratexia de ensino dixital, coa creación de polos creativos e espazos maker, e coa dotación material con recursos de intelixencia artificial, robótica, domótica, procesado audiovisual, mecanizado e electromecánica, entre outros.

Doutra banda, no decurso da reunión tamén se avaliou a importancia dos centros dentro das súas comunidades e, nesta liña, afondouse na necesidade de que as parcelas sobre as que se asenten as infraestruturas educativas de nova construción reúnan unhas características determinadas que favorezan esa relación co espazo no que se inxiren e que se adapten ás dinámicas acordes coas novas necesidades educativas.
 

Imaxes relacionadas