A Xunta entrega material de prevención de incendios a veciños de Lobios nunha iniciativa que se estenderá por toda Galicia

A finalidade desta medida é fomentar a participación cidadá nas tarefas de xestión da biomasa para anticiparse aos lumes

Entregáronse media ducia de motoserras, unha decena de batelumes e outros utensilios como serradoiros e tesoiras cortarramas, concibidos todos eles especificamente para a prevención

O conselleiro reiterou que “a loita contra os incendios forestais é unha tarefa de todos” e salientou que o obxectivo é ampliar a iniciativa ata chegar a uns 25 proxectos semellantes en toda Galicia, cunha achega total de 150.000 euros
 

Lobios (Ourense), 9 de abril de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e pola alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez, fixo hoxe entrega de diverso material de prevención de incendios aos integrantes da Asociación medioambiental Xuresianos/Geresianos “Axuge” desta localidade ourensá.

Esta cesión enmárcase no establecido pola normativa vixente e no desenvolvemento do Plan preventivo 2021 implementado pola Consellería. En concreto, distribuíronse a este colectivo media ducia de motoserras, unha decena de batelumes e outros utensilios como serradoiros e tesoiras cortarramas, concibidos todos eles especificamente para a prevención dos lumes.

O conselleiro reiterou neste acto que “a loita contra os incendios forestais é unha tarefa de todos”, que atinxe tanto ás administracións públicas como aos cidadáns en xeral. Así, cualificou como “un concepto clave nesta materia” a responsabilidade “para cumprir as normas e tamén para alertar dos lumes que se produzan e denunciar os seus causantes”. Nesta liña, trasladou que se trata de protexer as persoas e os bens e que por iso a Xunta quere fomentar a participación cidadá, con accións como esta entrega de material, que supón un investimento, por parte da Consellería, de preto de 6.000 euros.

Carácter experimental e pioneiro

Trátase, segundo explicou González, dunha iniciativa “experimental e pioneira”, que o Goberno galego quere ampliar ata chegar a uns 25 proxectos semellantes en toda a comunidade, cun orzamento total de 150.000 euros. Estes fondos, indicou o conselleiro, farán posible a realización de accións formativas dirixidas á poboación en ámbitos como a vixilancia, a prevención ou a auto protección fronte o lume.

Ademais, permitirán que os veciños actúen con labores preventivos nas faixas secundarias -as máis próximas ás vivendas- mediante o uso do material entregado por parte de Medio Rural. Nesta mesma liña, José González puxo en valor que esta iniciativa bota a andar nun concello enclavado no Parque natural do Xurés, un espazo que, dixo, de gran relevancia que cómpre protexer.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural