O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, coñeceu aos usuarios desta iniciativa

Política Social promove o envellecemento activo e a autonomía das persoas maiores de Cervantes a través do programa ‘Aldeas activas e saudables’

O Goberno galego achega 50.000 euros ao abeiro dos fondos do 0,7% do IRPF para impulsar este plan que pon en marcha o Centro de Desenvolvemento Rural Ancares

Cervantes (Lugo), 9 de abril de 2021

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, salientou que a Consellería de Política Social promove o envellecemento activo e a autonomía das persoas de máis idade de Cervantes co programa Aldeas activas e Saudables, que pon en marcha o Centro de Desenvolvemento Rural Ancares. O responsable do departamento autonómico visitou esta mañá a sede da entidade para coñecer aos usuarios da iniciativa, aos que animou a continuar realizando actividades.

O Goberno galego achega 50.000 euros ao abeiro dos fondos do 0,7% do IRPF para impulsar este programa, que se centra tamén na loita contra o illamento e a soidade, así como no empoderamento das persoas maiores do rural. Os participantes en Aldeas activas e saudables realizan actividades dirixidas ao fortalecemento da memoria, así como ximnasia, charlas temáticas ou formación en novas tecnoloxías.

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade destacou a decidida aposta da Xunta de Galicia por continuar achegando servizos de proximidade e desenvolvendo programas que melloren a vida das persoas de máis idade residentes no rural.

Nova convocatoria

Neste obxectivo enmarcou iniciativas como as casas do maior, que tamén permiten unha atención de calidade ás persoas maiores que viven en concellos pequenos. De feito, actualmente está aberta unha nova convocatoria para solicitar axudas para a súa posta en marcha naqueles concellos que non teñen un centro de día ou un servizo similar. A flexibilización dos requisitos que inclúe esta nova orde busca superar as 60 casas do maior repartidas por toda a Comunidade.
 

Imaxes relacionadas