O director xeral de Atención integral sociosanitaria participa na presentación dun estudo sobre coidado informal no dano cerebral adquirido

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2021

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo Prado, apostou hoxe por que as entidades e Administracións implicadas sigan traballando xuntas para reducir o impacto que os coidados que precisan as persoas con discapacidade deixan na saúde das persoas que se fan cargo deles, que na súa gran maioría son mulleres. Esta é unha das conclusións do estudo O coidado informal no dano cerebral adquirido: Impacto na saúde e calidade de vida das persoas coidadoras, elaborado pola Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace) e presentado esta mañá nun almorzo informativo no que tamén participou o presidente da entidade, Luciano Fernández Pintor.

O documento arroxa que máis do 78% dos coidadores de persoas con dano cerebral son mulleres, subliñou Antón Acevedo. De feito, o perfil sociodemografico dos coidadores de persoas con dano cerebral adquirido é o de unha muller de 56 anos que coida da súa parella soa e traballa como asalariada. Isto explica, engadiu, que sexan elas as que teñan unha peor percepción da súa saúde, da comprensión que reciben por parte da sociedade ou do seu estado emocional e físico. E, por esta razón, as que precisan dun maior asesoramento e apoio físico, psicolóxico e económico.
 

Imaxes relacionadas