O titular da Xunta presidiu esta tarde o acto de entrega dos Premios da Cultura Galega 2020

Feijóo reivindica o papel esencial da cultura na recuperación reflectido nos proxectos presentados aos fondos Next Generation que aspiran a captar 180 millóns

No tocante aos premiados asevera que con estes galardóns, a Comunidade premia “a outra Xeración Nós, plural igual que a primeira e integrada nas grandes correntes da cultura europea e mundial, igual que aqueles devanceiros”

“Os creadores merecen un recoñecemento público que eu fago aquí, pola resistencia nestes tempos tan amargos. E os galegos en xeral merecen un novo rexurdimento do seu país, no que a cultura teña un papel esencial”, afirma

Santiago de Compostela, 8 abril de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou hoxe, no acto de entrega dos Premios da Cultura Galega 2020, o papel esencial desta na recuperación, reflectido nos proxectos presentados aos fondos europeos Next Generation, que aspiran a captar 180 millóns de euros para impulsar as industrias creativas, novos talentos, a dixitalización e a conservación do patrimonio.

“Os creadores merecen un recoñecemento público que eu fago aquí, pola resistencia nestes tempos tan amargos. E os galegos en xeral merecen un novo rexurdimento do seu país, no que a cultura teña un papel esencial”, abundou, referíndose ao Plan de reactivación do sector posto en marcha en 2020, con 26 millóns de euros, e ampliado agora cunha nova achega de 23 millóns de euros.

Nesta mesma liña, destacou o reto de crear un hub audiovisual para facilitar o desenvolvemento de iniciativas entre as distintas industrias creativas, e plans enfocados a novos creadores, o rural e a internacionalización, entre outros. Tamén proxectos como a expansión da Cidade da Cultura, co fin de convertela nunha factoría de contidos para todo o país; o deseño dunha estratexia para situar a marca Fest Galicia como referente nas artes musicais; e a posta en marcha dun Plan de danza, así como o Plan Catedrais, orientado aos templos de Lugo, Mondoñedo, Ourense e Tui.

No plano normativo aseverou que Galicia contará con dúas ferramentas como a Lei de Transformación Dixital da Cultura e a Lei de Inclusión e Accesibilidade Cultural. “E Xela Arias, no Días das Letras Galegas, e Emilia Pardo Bazán, no centenario do seu pasamento, serán figuras estelares neste ano do novo rexurdimento, que terá no Xacobeo un eixo vertebrador e inspirador”, engadiu.

Ao longo da súa intervención, Feijóo aseverou que con estes galardóns, a Comunidade premia “a outra Xeración Nós, plural igual que a primeira e integrada nas grandes correntes da cultura europea e mundial, igual que aqueles devanceiros”.

Así, do galardoado Xurxo Lobato, destacou que ten captado os instantes solemnes e prosaicos de galegas e galegos que, grazas a el, gozan xa de inmortalidade; “e mediante o talento literario de Ledicia Costas, Galicia non é un feito estraño para un lector italiano, coreano, búlgaro, romanés ou iraniano. Estamos a falar dunha autora versátil, sen límites xeracionais nin temáticos, á que lle debemos, sobre todo, o achegamento da nosa lingua aos máis novos”.

No tocante ao teatro, recoñeceu que os actores que compoñen a Federación de Teatro Afeccionado de Galicia e a plataforma Platta, teñen a sorte de comprobar que as artes escénicas seguen a suscitar as mesmas emocións en públicos diferentes. “E sen a actividade comprometida da Asociación de Mulleres de Moaña, Atrezo, Aurín, Ditea, Escoitade, Metátese e O Trasno, estou seguro de que moitos galegos sentiríanse orfos sen ninguén no escenario”, engadiu.

En relación á Central Folque, Feijóo gabou a súa traxectoria dedicada ao ensino de diferentes instrumentos non estudados habitualmente, da historia da música galega, da etnomusicoloxía e do patrimonio musical; ademais dunha abondosa produción editorial que rescata tesouros esquecidos. E, sobre Chema Prado, director da Filmoteca Española entre 1989 e 2016, recordou que, en todas as súas responsabilidades e relacións, exerceu de embaixador plenipotenciario de todo o galego.

Do premiado Xosé González Martínez lembrou que a primeira sentenza en lingua galega ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en 1985 ten nel un dos seus grandes artífices; “e a el se debe igualmente o primeiro servizo de normalización lingüística. “Representa o anhelo compartido da plena normalización do noso idioma en todos os eidos e sectores”, aseverou.

Durante o acto, o presidente da Xunta afirmou que se nesta “nova Xeración Nós do século XXI” hai un directo continuador do espírito da Xeración Nós orixinal, hai que referirse á Fundación Penzol, cun inxente fondo bibliográfico e documental centrado na realidade histórica e cultural de Galicia.

Por último, Feijóo referiuse ao amor por Galicia da responsable do Centro de Estudos Galegos de Budapest, Ildiko Szijj, como unha proba de que aquí se xeran valores que teñen un eco universal.

Imaxes relacionadas