A Xunta avanza na concentración parcelaria de Val de Camba co acordo de reestruturación, que inclúe a proposta de novos predios para os 733 propietarios beneficiarios

O delegado territorial, Luis López, e o alcalde Rubén Quintá reúnense coa Xunta Local para informarlle da apertura do proceso de información pública desta nova fase, que permanecerá aberto ata o 18 de xuño

Medio Rural vai remitir cartas individuais aos veciños cunha folla resumo na que se detalla a proposta de novas parcelas e se informa da consulta dos planos

Este proceso permitirá concentrar 1.854 hectáreas cun 69% de superficie agrícola optimizando as 7.524 fincas existentes na actualidade en 1.847 de maior tamaño
 

Rodeiro, 8 de abril de 2021

A Consellería do Medio Rural vén de avanzar unha nova fase no proceso de concentración parcelaria de Val de Camba, no Concello de Rodeiro, coa presentación do acordo de reestruturación, no que se inclúe a proposta dos novos predios de substitución que se lle atribuirán aos 733 propietarios beneficiarios.

Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo, e o alcalde de Rodeiro, Rubén Quintá, mantivo este mediodía un encontro informativo coa Xunta Local, conformada polos representantes dos propietarios, no Centro Cultural Manuel Lamazares.

Nesta xuntanza informóuselle da apertura do proceso de información pública e consulta previa deste acordo de reestruturación parcelaria, que permanecerá aberto ata o vindeiro 18 de xuño e durante o cal poderán formularse alegacións a través do Rexistro ou da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Durante este tempo, os planos coa proposta da nova distribución da propiedade permanecerán a disposición dos máis de 700 beneficiarios na sección de publicacións da páxina web da Consellería do Medio Rural, na Casa Escola de Río e na Oficina de Infraestruturas Agrarias de Lalín, aínda que neste espazo só con cita previa. As consultas realizaranse, preferentemente, de xeito telefónico nos números 886 159 452, 886 159 453 ou 886 159 454 aínda que tamén se poderán concertar, se fora necesario, citas presenciais.

Paralelamente, o departamento autonómico vai remitir cartas individuais a todos os beneficiarios deste proceso cunha folla resumo na que se lle detallará a súa respectiva proposta de novas parcelas e se informará de todo este proceso de información pública. Esta canle de comunicación adoptouse fronte ao actual contexto de pandemia, evitando así a entrega de documentación presencial para minimizar o risco sanitario da covid-19.

Tras o encontro, o delegado territorial valorou moi positivamente os avances neste proceso na zona de Val de Camba, “xa que supón un paso case definitivo para enfocar a parte final desta parcelaria e que os propietarios poidan contar canto antes coas novas fincas, que terán unhas maiores dimensións, cunha superficie un 300% superior de media, e que serán moito máis operativas, eficientes e funcionais para os traballos agrogandeiros, tan importantes na socioeconomía do Concello de Rodeiro”.

A concentración parcelaria de Val de Camba permitirá agrupar unha superficie de 1.854 hectáreas, das que o 69% pertence a espazos agrícolas e o restante a terreos forestais, optimizando as 7.524 parcelas existentes na actualidade ata convertelas en 1.847 que terán un tamaño medio que roldará a hectárea. Estes novos predios distribuiranse en 1.679 para os propietarios e outros 168 catalogados como masa común.
 

Imaxes relacionadas