A Xunta adxudica por preto de 253.000 euros as obras da nova glorieta na estrada AC-550 en Xuño, no concello de Porto do Son

Os traballos comezarán a finais de maio e terán un prazo de execución de 3 meses

O vindeiro 25 de maio terá lugar o acto para o levantamento de actas de ocupación

Executarase unha nova glorieta no cruzamento coas vías da igrexa e da praia das Furnas para optimizar os movementos e mellorar a seguridade no lugar do Cruceiro

Manteranse os aparcadoiros existentes na contorna, tanto na marxe dereita como esquerda, adaptándoos ao novo trazado da glorieta

Habilitarase un paso de peóns en dirección a Ribeira, a uns 35 metros de distancia da rotonda, coa fin de incrementar a seguridade dos veciños que se desprazan a pé
 

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2021

A Xunta vén de adxudicar as obras de construción duna nova glorieta na estrada autonómica AC-550 en Xuño, no concello de Porto do Son, por un importe de preto de 253.000 euros.

Os traballos, que foron adxudicados á empresa Nemesio Ordóñez S.A, comezarán a finais do mes de maio e terán un prazo de execución de tres meses.

Esta actuación precisa de expropiacións e o acto para o levantamento de actas de ocupación está convocado para o día 25 de maio.

A intervención ten por obxecto optimizar os movementos do tráfico rodado e mellorar a seguridade no lugar do Cruceiro, na parroquia de Santa María de Xuño.

Para iso, executarase esa nova glorieta na estrada AC-550, na intersección que conecta coa vía que leva á igrexa, pola marxe esquerda, e co viario que se dirixe ao colexio, ao centro de saúde e á praia das Furnas, pola marxe dereita.

A nova rotonda, cun diámetro de 28 metros, busca que os condutores perciban mellor o cambio entre a zona urbana e a zona interurbana e, deste modo, moderen a velocidade nesa zona.

Os principais traballos centraranse na execución da nova glorieta, con catro vías que concorren nela. Esas vías contarán cun ancho de 3,50 metros por carril, salvo á que dá acceso á praia das Furnas, onde se adoptará o ancho actual de 2,50 metros.

A intervención completarase coa execución de muros de contención na zona leste e na marxe dereita da vía á igrexa, coa reposición do firme e da sinalización e coa colocación das defensas necesarias na estrada tras a execución das obras.

Ademais, reporanse todos os servizos de electricidade, telefonía, abastecemento, pluviais fecais e alumeado que se vexan afectados polas obras.

A intervención prevista permitirá manter os aparcadoiros existentes na contorna, tanto na marxe dereita coma na esquerda, adaptándoos ao novo trazado da glorieta.

Coa fin de incrementar a seguridade peonil, tamén se vai habilitar un paso de peóns en dirección a Ribeira, a unha distancia duns 35 metros da glorieta. Reforzarase así a seguridade dos veciños que realicen os seus desprazamentos a pé, tendo en conta que os peóns son usuarios vulnerables das estradas.

Esta actuación súmase á xa realizada nesta estrada en Portosín, para a eliminación do treito de concentración de accidentes na que tamén se construíu unha nova rotonda. Polo tanto, resulta un investimento conxunto da Xunta superior aos 800.000 euros para reforzar a seguridade viaria e a mobilidade dos veciños de Porto do Son.