A Xunta inicia as obras de estabilización dun noiro na estrada autonómica AC-550 no Concello de Cee

Os traballos suporán un investimento de preto de 45.000 euros e estímase que poderán estar finalizados no prazo dun mes

A intervención céntrase en afianzar o noiro de desmonte orixinado entre a estrada autonómica, no punto quilométrico 2+000, e o acceso a través da vía municipal que vai cara ás instalacións industriais da contorna

As obras consistirán no cosido e no reforzo xeral do noiro mediante bulóns que compensen o peso dos elementos con potencial de desprenderse

Trátase de garantir a estabilidade do noiro a longo prazo e de reducir a degradación da superficie polos efectos meteorolóxicos e da erosión

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou as obras de estabilización dun noiro na estrada AC-550 ao seu paso polo concello de Cee.

A obra foi adxudicada á empresa Construcciones CLC, S.L. e conta cun investimento de preto de 45.000 euros. Estímase que os traballos poidan estar rematados no prazo dun mes.

A intervención céntrase en dar estabilidade ao noiro de desmonte orixinado entre a estrada AC-550, no punto quilométrico 2+000, e o acceso a través da vía municipal que vai cara ás instalacións industriais da contorna.

A intervención ten como obxectivo garantir a estabilidade da zona a longo prazo, solucionando as inestabilidades xerais e localizadas provocadas polos desprendementos de cuñas e bloques. Os traballos tamén buscan reducir degradación da superficie polos efectos meteorolóxicos e de erosión non controlada.

Para iso, actuarase nos primeiros 60 metros do noiro desde a estrada AC-550, dado que é a zona do viario inferior con menos anchura, máis preto da estrada autonómica e, polo tanto, onde se fai necesario intervir pola circulación que se rexistra nese punto.

En concreto as obras consistirán no cosido e reforzo xeral do noiro mediante bulóns que compensen o peso dos elementos con potencial de desprenderse, comezando polos traballos de sostemento o máis baixo posible, que é a zona máis deteriorada, para previr e evitar desprendementos de maior importancia.

A Xunta continúa traballando no mantemento das estradas autonómicas co obxectivo de mantelas en boas condicións e reforzar a seguridade viaria.

Imaxes relacionadas