Xunta e Deputación de Pontevedra aproban o paso ao modelo de xestión directa nos catro parques comarcais de bombeiros da provincia

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou esta mañá no pleno do Consorcio provincial de Pontevedra para a Prestación do Servizo contraincendios e salvamento

A Xunta aposta por unha prestación homoxénea dos servizos de emerxencias en toda a comunidade e polo diálogo coas administracións para ofrecer aos cidadáns unha atención eficiente e áxil

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2021

O Consorcio provincial de Pontevedra para a prestación do servizo contra incendios e salvamento, integrado pola Xunta e Deputación de Pontevedra aprobaron hoxe no pleno do organismo a memoria para o modelo de xestión directa dos parques de bombeiros de O Porriño, Bueu, Ribadumia e Vilagarcía de Arousa.

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe por videoconferencia no pleno presidido pola presidenta da Deputación provincial, Carmela Silva. Tamén participaron o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.

O Consorcio xa aprobara no pleno do pasado febreiro as conclusións do informe da comisión xurídico-técnica encargada de redactar a memoria, que agora se aproba unha vez rematado o prazo de exposición pública. Así, dáse un novo avance para a implantación do modelo de xestión directa nos parques de bombeiros da provincia, toda vez que se conclúe que dita prestación directa do servizo responde a criterios de eficiencia e eficacia e cumpre co condicionante de que a mesma non supoña un aumento de costes en dita prestación e garanta os dereitos dos traballadores existentes, así como que non implique maiores aportacións económicas para a Administración autonómica.

Santiago Villanueva destacou a aposta da Xunta por ofrecer unha prestación homoxénea dos servizos de emerxencias en toda a comunidade con independencia do lugar de residencia. Tamén sinalou a importancia de continuar avanzando e dar pasos que permitan que os cidadáns sigan contando cun servizo profesional, áxil e eficaz.

Nesta liña, o Goberno galego vén mantendo o diálogo coas deputacións para definir o modelo de xestión dos parques dependentes dos consorcios provinciais. Así, os seis parques da provincia lucense funcionan cunha xestión directa desde maio do ano 2019 e os dez que pertencen ao Consorcio da provincia da Coruña desde o 1 de xaneiro do 2020. Ambos consorcios aprobaron o cambio de modelo en 2019.

Pola súa banda, tanto Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento de Pontevedra como o de Ourense tamén continúan a avanzar para a xestión directa dos seus parques de bombeiros comarcais.

Novos GES

Neste mesmo eido cabe destacar a posta en marcha de 3 novos GES na provincia de Pontevedra que permitirá mellorar a coberturas das emerxencias na provincia. Terán base nos concellos de A Lama e a Cañiza e no caso do GES Mos/Redondela, cunha sede en cada un dos dous municipios.

Así, o GES de A Lama dará servizo a concellos como Fornelos de Montes, Ponte Caldelas e A Lama, que non estaban asignados a ningún grupo, ademais de Cerdedo-Cotobade, que contaba cunha cobertura deficiente. No caso do GES de A Cañiza mellorase a cobertura dos municipios de Arbo, A Cañiza, Covelo e Crecente.

Por outra parte, nos municipios dos arredores de Vigo plantexouse un GES con dúas bases, unha delas en Redondela e outra en Mos, que atenderá aos concellos de Mos, Pazos de Borbén, Redondela e Soutomaior.

A provincia pasa a contar con 9 GES: 2 deles de base compartida (Estrada –Lalín e Mos-Redondela), estes 3 de nova creación, máis os de Baixo Miño, Mancomunidade do Val Miñor, Ponteareas, Sanxenxo, Deza, a subzona Tabeirós-Terra de Montes e Ulla-Umia.

Imaxes relacionadas