A Xunta recibe 9 ofertas de empresas interesadas nas obras de acondicionamento da estrada N-525 na contorna dos polígonos de San Cibrao das Viñas e de Barreiros, cun investimento de 3,6 M€
Os traballos empezarán en verán co obxectivo de estar rematados este mesmo ano
Actuarase no treito autonómico de 14 km da estrada N-525, que asumiu a Xunta para poder executar o novo acceso ao polígono de San Cibrao das Viñas
O proxecto inclúe o estendido dunha capa de rodadura e a mellora da intersección de Taboadela, do cruce co enlace ao polígono de San Cibrao e da glorieta de Gundiás
Transformarase en glorieta a intersección en Santa Leocadia para favorecer os xiros e acometerase a mellora da sinalización e o repintado de todo o treito
Esta intervención súmase ao novo acceso ao polígono de San Cibrao das Viñas desde a A-52, en servizo desde setembro, tras o investimento autonómico de 22 M€
Un total de 9 empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar as obras de mellora do firme e do reforzo da seguridade viaria do treito autonómico da estrada N-525, na contorna dos polígonos empresariais de San Cibrao das Viñas e de Barreiros, que suporán un investimento de case 3,6 millóns de euros.
A Xunta prevé iniciar estas actuacións no verán e axilizalas ao máximo para poder rematalas este mesmo ano, acurtando substancialmente o prazo de execución de 12 meses establecido no contrato.
Trátase de mellorar o treito autonómico da estrada N-525, 14 quilómetros de vía que tivo que asumir a Xunta para poder executar o novo acceso ao polígono de San Cibrao das Viñas.
Esta estrada rexistra ata case 20.000 vehículos ao día ao seu paso por San Cibrao, rebaixándose o tráfico ata os 5.500 vehículos ao día en Taboadela e aos 4.300 en Allariz.
Neste sentido, a actuación contribuirá a reforzar a seguridade viaria, facilitar os movementos cara ás zonas industriais e ofrecer maior fluidez nos desprazamentos.
O proxecto inclúe o estendido dunha nova capa de rodadura en todo o treito, así como intervencións encamiñadas a reforzar a seguridade en varias interseccións. Concretamente, actuarase na intersección de Taboadela, mellorase o cruce co enlace que vai ao polígono de San Cibrao das Viñas e adecuarase a glorieta de Gundiás.
Tamén se transformará en glorieta a intersección en Santa Leocadia coa fin de favorecer os xiros e acadar maior fluidez do tráfico.
Como actuacións complementarias procederase á execución de gabias de seguridade, á renovación da sinalización horizontal, ao repintado de todo o treito e á limpeza das marxes.
Este acondicionamento enmárcase na aposta que vén realizando a Xunta por favorecer as comunicacións co polígono industrial de San Cibrao, no que operan máis de 400 empresas e 8.500 traballadores.
O Goberno galego investiu 22 millóns de euros na posta en servizo do novo acceso ao polígono de San Cibrao das Viñas desde a A-52, no pasado mes de setembro.
Esa conexión permitiu reducir nun 60% o percorrido necesario entre o parque empresarial coa autovía, facilitando unha conexión máis directa, áxil e cómoda ao que é o gran pulmón empresarial de Ourense, favorecendo a súa competitividade.