A ministra para a Transición Ecolóxica corrobora que a finalidade do artigo 18.4 da Lei de cambio climático é a de eliminar a prórroga extraordinaria de todas as concesións na costa

As conselleiras de Medio Ambiente e do Mar recibiron hoxe resposta da carta enviada ao Ministerio hai tres semanas

Teresa Ribera menospreza os ditames da Asesoría Xurídica da Xunta e do Consello Consultivo de Galicia, ao afirmar que non vai considerar ningún xuízo de valor previo á aprobación da lei “emítao quen o emita”

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2021

A ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, corroborou hoxe que a finalidade do artigo 18.4 da futura Lei de cambio climático é a de eliminar a prórroga extraordinaria de todas as concesións na costa.

A ministra respondeu hoxe á carta que lle enviaran hai tres semanas as conselleiras de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana. Na misiva, Teresa Ribera recoñece que coa nova norma se pretende prescindir da actual regulación da prórroga extraordinaria, co que os 75 anos desta extensión computaríanse desde a data inicial da concesión en lugar de facelo desde a solicitude da prórroga, tal e como permite a Lei de costas para todas as concesións anteriores ao ano 2013.

Polo tanto, a ministra admite que a todas as concesións no litoral, tanto as que xa teñen a súa prórroga extraordinaria concedida como as que poden aínda solicitala, se lles reducirá o tempo correspondente. Así, axústase á tese que vén sostendo o Ministerio, que vai en contra da literalidade da Lei de costas de 2013 e tamén do sinalado tanto polo Tribunal Constitucional como por distintas sentenzas do Tribunal Supremo.

Para Teresa Ribera, o prazo de 75 anos sería “certamente prolongado e podería pensarse que xerador de certa falta de concorrencia competitiva, tan necesaria para calquera sector económico”.

Ademais, menospreza os ditames da Asesoría Xurídica da Xunta e do Consello Consultivo de Galicia, ao afirmar que non vai considerar ningún xuízo de valor previo á aprobación da lei “emítao quen o emita”.