Luis López transmite o “apoio e colaboración” da Xunta de Galicia co Concello de Cuntis nun encontro institucional co seu alcalde

O delegado territorial infórmalle da concesión de máis de 85.000 euros para a mellora de camiños municipais este ano ao abeiro dos plans Marco e PIR

Tamén se abordaron os dous procesos de concentración parcelaria en curso, Troáns I e Troáns II, que seguen avanzando na súa tramitación e nas obras

Pontevedra, 7 de abril de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, celebrou esta mesma tarde no edificio administrativo de Campolongo un encontro institucional co alcalde de Cuntis, Manuel Campos, no que lle transmitiu o “apoio e colaboración” da Xunta de Galicia coas necesidades do municipio ao abeiro do clima de entendemento e cooperación entre ambas administracións públicas.

O representante autonómico informoulle da concesión de máis de 85.000 euros para a mellora de camiños municipais para este mesmo ano, xa que o Concello de Cuntis ten outorgados 44.880 euros do Plan Marco e outros 41.971 euros máis nun dos seis Plans de Infraestruturas Rurais (PIR) aprobados para as bisbarras de Pontevedra e Caldas.

Ante o interese municipal polos procesos de concentración parcelaria, Luis López indicoulle que as dúas iniciativas en curso, Troáns I e Troáns II, seguen avanzando, segundo o caso, na súa tramitación administrativa ou na execución das obras.

Así, no caso de Troáns I, atópase en fase de acordo tras ter recibido unha cifra de recursos inferior ao 6% dos propietarios beneficiarios, polo que agárdase que nun breve prazo se poida proceder á toma de posesión provisional dos predios. Ademais, estanse a executar os traballos da rede de camiños secundarios e da colocación de marcos.

Con respecto a Troáns II, a toma de posesión produciuse no pasado mes de outubro, polo que os propietarios teñen ata finais deste mes para a retirada do arborado.

Por outra banda, na reunión tamén se abordaron cuestións referidas á mellora de estradas autonómicas e relativas ao centro sanitario, entre outras, que o delegado territorial comprometeuse a xestionar coas respectivas consellerías para ver a dispoñibilidade orzamentaria e as posibilidades de execución.

Imaxes relacionadas