A Xunta pon en valor a colaboración entre as administracións locais e a autonómica para a reconstrución de Galicia trala crise sanitaria

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participou hoxe en Fisterra no foro “Mirando pola Terra”, centrado nos retos dos concellos ante a nova realidade

Fisterra (A Coruña), 7 de abril de 2021

A directora xeral de Administración Local participou hoxe en Fisterra no foro Mirando pola Terra, que nesta edición centrou os relatorios nos retos aos que se enfrontan os concellos ante a nova realidade logo da pandemia. Natalia Prieto avogou pola colaboración entre as Administracións locais e a autonómica para lograr “a reconstrución de Galicia trala crise sanitaria”.

A directora xeral de Administración Local, que abriu o programa de seminarios, debates e conferencias sobre temas de actualidade, recoñeceu o labor que están a realizar os concellos galegos nunhas circunstancias moi difíciles, e destacou a colaboración da Xunta coas entidades locais desde os primeiros días da pandemia con actuacións como a entrega de material de protección, as iniciativas para a reactivación económica, o apoio aos sectores máis afectados, a realización de test de detección da covid-19 aos membros da policías locais ou a posta en marcha da xestión conxunta da tramitación dos procedementos sancionadores por incumprimento das medidas de prevención, entre outras.

Perante os retos futuros que se lles presentan aos concellos, Natalia Prieto chamou a atención sobre a necesidade de delimitar as competencias de cada unha das administracións, un debate que xa estaba aberto pero que a crise converteu en prioritario. Con ese fin, a Xunta asinou un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago co obxectivo de clarificar a distribución competencial entre administracións.

Ademais das actuacións específicas relacionadas coa crise sanitaria, a Xunta conta cunha serie de plans anuais para axudar aos concellos a mellorar a calidade de vida dos seus veciños, como o Fondo de Cooperación Local, cun orzamento de case 122 millóns de euros; o Fondo de Compensación Ambiental, que permitiu, ata agora, a cofinanciación de máis de 2.000 proxectos por 99 millóns de euros, ou a Orde de infraestruturas de uso público, que mobilizou desde o 2009 máis de 36 millóns de euros para máis de 1.200 proxectos.

Esa colaboración debe axilizarse tamén no plano local, e por iso, nas convocatorias de axudas a concellos, a Xunta prioriza aqueles proxectos de xestión compartida, ademais de fomentar a fusión de municipios. Unha política municipal colaborativa que seguirá fomentando para incrementar a efectividade na prestación dos servizos á veciñanza.

Natalia Prieto apelou en Fisterra á corresponsabilidade de todas as administracións públicas galegas como elemento estratéxico para dar unha resposta global fronte á pandemia. “Debemos colaborar entre todos para acadar concellos máis sustentables e menos dependentes en termos financeiros”, asegurou na súa intervención.
 

Imaxes relacionadas