A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou esta mañá a Zona de especial conservación Os Ancares-O Courel

A Xunta salienta a oportunidade dos fondos europeos para mellorar os ecosistemas e a biodiversidade das zonas Rede Natura 2000, como os Ancares, cun investimento de 15 M€

A recuperación e restauración destes espazos é unha das apostas do Goberno galego na súa candidatura aos ‘Next generation’

Ángeles Vázquez salienta que a Consellería de Medio, Territorio e Vivenda investiu preto de 800.000 euros nos Ancares nos últimos anos

Avanza que o seu departamento estuda a posibilidade de reabrir a antiga Aula de Natureza para converter a instalación nun lugar de referencia para visitantes e traballadores da zona, unha vez que se consiga a cesión da propiedade

Cervantes, (Lugo), 7 de abril de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou esta mañá que o Goberno galego aproveitará a oportunidade que se abre coa concesión dos fondos europeos para mellorar os ecosistemas e a biodiversidade das zonas Rede Natura 2000, como a dos Ancares, cun investimento de 15 millóns de euros.

A conselleira visitou esta mañá os terreos da Zona de especial conservación (ZEC) Os Ancares-O Courel, onde recordou que a Xunta apostou pola recuperación e a restauración destes espazos e dos hábitats de interese comunitario na candidatura do programa Next Generation.

Grazas a estes investimentos avanzarase no reto de potenciar a conectividade ecolóxica, así como actuacións de control e erradicación de flora e fauna exótica invasora e alóctona. Estes fondos tamén permitirán mellorar as infraestruturas de uso público ou a construción de novas.

Ángeles Vázquez salientou que unha zona que se poderá beneficiar dos recursos europeos deste programa é a ZEC Os Ancares-O Courel. Trátase da máis extensa de Galicia, con máis de 100.000 hectáreas, e representa case o 30% da superficie total da Rede Natura 2000 na Comunidade. Engadiu que o programa de actuación previsto para este lugar servirá de experiencia e guía para impulsar actuacións en materia de conservación e restauración noutros puntos da rede natura.

Así mesmo, destacou que Os Ancares é un espazo moi rico polas paisaxes variadas que presenta, pola enorme diversidade de hábitats e de especies animais e vexetais. Consciente da importancia desta zona, nos últimos anos a Xunta levou unha serie de actuacións e medidas por un importe de preto de 800.000 euros para garantir as súas condicións naturais e o mantemento da biodiversidade.

Ademais, Ángeles Vázquez salientou que este tipo de intervencións teñen outro beneficio directo, como é o impulso dun turismo sostible, unha actividade que representa un motor de dinamización económica para moitas zonas rurais e unha ferramenta de protección da contorna natural, pois “non hai mellor protección para o medio natural que o coñecemento do mesmo”, aclarou a conselleira.

Sobre isto, avanzou que a Consellería estuda a posibilidade de reabrir a antiga Aula da Natureza, de modo que sirva de punto de referencia tanto para os visitantes coma para os traballadores. Neste sentido, adiantou que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural xa iniciou as consultas e xestións necesarias para formalizar a cesión desta instalación, que é de propiedade privada e que se atopa en bo estado de conservación. “O obxectivo é convertela nunha xanela informativa e de referencia da zona, de modo que actúe como refuxio para todo aquel que se achegue”, concluíu Ángeles Vázquez.

Imaxes relacionadas