A Biblioteca de Galicia organiza un ciclo no que 10 escritores galegos compartirán co público as súas influencias literarias

Contarase coa participación, entre outros, de Ledicia Costas, Domingo Villar, María Solar ou María Canosa a través de relatorios abertos ao público

A primeira xornada será este venres con Arantza Portabales ás 19,00 horas e a entrada é de balde previa inscrición na web da Cidade da Cultura

Enmárcase na celebración do décimo aniversario da Biblioteca de Galicia que inclúe numerosas actividades culturais como exposicións

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2021

A Biblioteca de Galicia acollerá ata outubro un novo ciclo de relatorios no que dez dos escritores galegos máis representativos do momento compartirán co público as súas experiencias e influencias literarias sobre un libro da literatura galega que marcase a súa traxectoria. Trátase de 10 anos, 10 autores, 10 libros, que comezará este venres e que se enmarca nos actos do décimo aniversario da Biblioteca que está a organizar a Xunta de Galicia durante este ano.

O obxectivo da iniciativa non se centrará na obra dos autores, senón doutras obras singulares da literatura galega que marcasen o seu traballo como lectores e tamén como creadores. Celebraranse no auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura. A primeira xornada será este venres ás 19,00 horas e correrá a cargo da escritora Arantza Portabales, autora de Beleza vermella, que falará, entre outros temas, da pegada que tivo na súa traxectoria persoal e literaria a obra de Manuel Rivas Que me queres amor?.

Os seguintes participantes serán a escritora Ledicia Costas (venres 23 de abril), Domingo Villar (4 de xuño), María Solar (18 de xuño) e María Canosa (2 de xullo). A iniciativa continuará nos meses de setembro e outubro. Todos os relatorios celébranse ás 19,00 horas, contan con entrada de balde previa inscrición na web da Cidade da Cultura e teñen aforo limitado a 27 persoas. Tamén serán transmitidas en directo na canle de Youtube da Cidade da Cultura.

Ampla programación

10 anos, 10 autores, 10 libros enmárcase no programa de actos cos que este ano a Xunta está a conmemorar o décimo aniversario da Biblioteca, que inclúe exposicións temáticas sobre figuras como as escritoras Emilia Pardo Bazán, a partir de novembro, ou a homenaxeada nas Letras Galegas Xela Arias. Entre outras actividades, o Goberno autonómico tamén impulsará unha exposición retrospectiva que permita afondar nos 10 anos de historia da Biblioteca, visitable a partir do mes de outubro.

Trátase dunha mostra para coñecer de preto o labor e o rico patrimonio bibliográfico que atesoura que inclúe o depósito legal de todas as publicacións editadas en Galicia, así como o legado cultural deixado por Isaac Díaz Pardo, obras e gravados de Seoane, a biblioteca de Basilio Losada, obras de Carlos Casares ou a máis completa cartografía de Galicia forman parte dos fondos abertos a toda a cidadanía.

Imaxes relacionadas