Gonzalo Trenor visita aos alumnos do obradoiro de Ordes no que se forma a 20 desempregados en mellora de montes e en repoboacións forestais cunha achega da Xunta de máis de 346.000€

O delegado territorial lembrou que na comarca de Santiago estanse a celebrar oito talleres de formación en Ordes, Boqueixón, Ames, A Baña, Negreira, Rois e dous en Santiago de Compostela cun apoio do Goberno galego de máis de 2,7M€

Ordes (A Coruña), 7 de abril de 2021

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá o obradoiro de emprego Brañas do Illo-Río Samo III en Ordes centrado en actividades auxiliares e conservación de montes e en repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, que conta cunha achega da Xunta da máis de 346.000€. Trátase dun taller de emprego dirixido a desempregados de calquera idade.

O representante da Xunta na Coruña lembrou que na comarca de Santiago estanse a realizar oito obradoiros: cinco ordinarios duais e tres dirixidos a menores de 30 anos. Concretamente, os ordinarios estanse a celebrar en Ordes; en Santiago de Compostela; en Boqueixón (compartido con O Pino), Touro e Vedra ; en Ames (compartido con Brión); e en A Baña (compartido con Negreira), Santa Comba e Val do Dubra. O de garantía xuvenil desenvólvense en Negreira (compartido con A Baña, Santa Comba e Val do Dubra); en Rois (compartido con Padrón e Dodro); e en Santiago de Compostela. A Xunta achega máis 2,7 millóns de euros para os gastos de organización, profesorado e axudas para os participantes.

Trenor destacou que os obradoiros están dirixidos á realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a cualificación profesional dos desempregados e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación está sendo especialmente útil nestes difíciles momentos porque os alumnos ademais de recibir formación perciben un salario durante os meses que dura o obradoiro.

O representante do Goberno autonómico incidiu en que a formación que se imparte nos concellos está adaptada aos perfís máis demandados das empresas da contorna, o que lles permite atopar con facilidade posibles empregados entre os alumnos. En relación con taller de Rianxo, centrado na creación de páxinas web, destacou que é un sector que neste momento ten moita demanda sobre todo enfocado á venta e comercialización online ante as novas necesidades xurdidas pola crise sanitaria. Por iso, animou aos alumnos a aproveitar ao máximo cada minuto de curso porque “de vós depende que ao rematar á formación sexa máis fácil atopar un emprego”, engadiu.

Imaxes relacionadas