Galicia busca implicar ao sector e aos investigadores na mellora da produción de semente de moluscos bivalvos

Rosa Quintana destacou a importancia de fomentar vías de colaboración entre os profesionais do mar e os científicos para aproveitar ao máximo a oportunidade que supoñen os fondos europeos Next Generation

Un dos proxectos propostos pola Consellería do Mar para captar estes fondos inclúe un plan integral de recuperación e reforzo da produción de moluscos bivalvos nas rías de Galicia

Esta acción ten entre os seus obxectivos avanzar na coordinación dos esforzos e capacidades de investigación existentes na mellora da produción de semente destes recursos para repoboar os bancos marisqueiros e mellorar a súa produción e os resultados do sector
 

Ribeira (A Coruña), 7 de abril de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo de relevo hoxe en Ribeira a importancia de tender pontes entre o sector e os científicos co obxectivo de fomentar vías de colaboración e a transferencia de coñecemento entre ambos en beneficio do mar de Galicia. Esta cooperación, subliñou, é clave para aproveitar ao máximo a oportunidade que supoñen os fondos europeos Next Generation en aspectos como a mellora da produción de semente de moluscos bivalvos nos que a Xunta busca implicar ao sector e aos investigadores.

Así o expuxo durante a visita realizada ao Clúster da Acuicultura de Galicia cos presidentes das federacións de confrarías galegas onde lles presentou un dos proxectos da Consellería do Mar proposto para captar estes fondos. Esta iniciativa está relacionada co desenvolvemento sustentable da produción e comercialización ligada á economía azul e entre as súas accións prevé un plan integral de recuperación e reforzo da produción de moluscos bivalvos nas rías de Galicia.

Ademais con esta visita a Xunta busca que as confrarías coñezan de primeira man o potencial investigador que alberga Galicia e que se reflicte en centros coma o Clúster de Acuicultura. Segundo explicou a conselleira, o plan para a mellora da produción de moluscos bivalvos ten entre os seus obxectivos avanzar na coordinación dos esforzos e capacidades de investigación existentes neste ámbito e na aplicación demostrativa do coñecemento dispoñible asociado a estes recursos.

Neste cometido, engadiu a titular de Mar, é necesario desenvolver tarefas como o estudo de mecanismos para a captación de semente de moluscos, un plan de viabilidade para a produción en criadeiro, estudos de posibles efectos como consecuencia do cambio climático, así como o reforzo de poboacións naturais e estratexias de conservación.

Deste xeito, con iniciativas como a do plan para o reforzo da produción de moluscos bivalvos, a Xunta pretende satisfacer a demanda do sector para mellorar a produción marisqueira, tendo en conta que a produción de semente actual na comunidade é insuficiente. Outro dos fins desta iniciativa, engadiu a titular de Mar, é mellorar a produción dos bancos marisqueiros e á súa vez os ingresos dos profesionais do sector e promover a creación de empregos ao contar con zonas de traballo moito máis produtivas. En definitiva, trátase de dar apoio ao sector marisqueiro mediante a subministración de semente para repoboar os bancos marisqueiros e mellorar a súa produción e os resultados do sector, subliñou Rosa Quintana.

Para acadar estes obxectivos, especificou, é fundamental a implicación e colaboración entre a Administración, o sector e a investigación, isto é, impulsar a tripla hélice do sector pesqueiro, a ciencia e a Administración pública na actividade e traballar en común pensando sempre no ben do sector.

O Clúster de Acuicultura

O Clúster da Acuicultura de Galicia forma parte da rede de clústeres excelentes de Galicia e sitúase como referente internacional no cultivo de peixes planos. Ten como obxectivo contribuír á mellora competitiva das empresas do sector en base á cooperación dos seus asociados e á promoción dunha cultura de innovación empresarial. O Centro Tecnolóxico Galego de Acuicultura (Cetga), dependente do Clúster, investiga e desenvolve tecnoloxías e proxectos científicos sobre os que se fundamenta parte do desenvolvemento sostible do sector.
 

Imaxes relacionadas