Unha unidade móbil de ADOS acolle a doazón do reitor da Universidade de Santiago de Compostela e convida aos estudantes a participar activamente

A pasada semana a USC e a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), asinaron un novo convenio de colaboración que permitirá incentivar a doazón altruísta nos campus de Santiago e Lugo

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2021

A unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), que visitou esta mañá as Facultades de Enfermería e de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, acolleu a visita e a doazón do reitor da USC, Antonio López Díaz, quen estivo acompañado pola directora de ADOS, Marisa López García. Desde ADOS, quere poñerse en valor a recente sinatura dun novo convenio de colaboración entre a Axencia e a USC, co obxectivo de promover a doazón de sangue altruísta nos centros educativos dos campus de Santiago e Lugo.

Tanto o reitor da USC como a directora de ADOS, coincidiron en salientar o carácter solidario dos estudantes galegos que realizaron 2.083 doazóns de sangue no transcurso da primeira fase do presente curso académico. Neste sentido, salientar que a Universidade de Santiago de Compostela foi a de maior participación das tres universidades galegas neste inicio de curso, rexistrando un total de 798 doazóns.

Traxectoria de colaboración

ADOS e a USC teñen unha longa traxectoria de colaboración no eido da doazón, que ambas institucións queren impulsar e poñer en valor. Por este motivo, a pasada semana rubricaron un novo acordo de colaboración que ratifica a vontade de colaboración e fomento das xa fluídas relacións entre ambas institucións, co fin de potenciar liñas de interese común, impulso, sensibilización e promoción da doazón de sangue, órganos e tecidos no ámbito da USC.

Ambas institucións promoverán campañas colectivas de doazón de sangue nos centros docentes que integran a USC con periodicidade anual, artelladas en dúas fases; unha primeira entre os meses de setembro a novembro, e a segunda; de febreiro a abril. Compre remarcar que, na campaña universitaria de doazón en Galicia, obtivéronse, no pasado curso, 4.601 doazóns, e que, unha parte moi importante dos novos doadores proveñen desta solidaria iniciativa que contribúe a renovar a base de doantes de Galicia.

ADOS considera de vital importancia ampliar e rexuvenecer a base de persoas doadoras de sangue en Galicia, co obxectivo de poder facer fronte aos requerimentos transfusionais precisos para o desenvolvemento dos programas asistenciais na nosa comunidade, cun complexo balance sociodemográfico. Deste xeito, ADOS e a USC establecerán, conxuntamente, estratexias e campañas para fomentar a doazón altruísta tanto de sangue como de órganos e medula ósea desde a comunidade universitaria.

Imaxes relacionadas