A Agadic dótase dun novo estatuto que reforza a súa estrutura para avanzar no servizo ás industrias culturais

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o Decreto que introduce cambios de organigrama co fin de mellorar as súas capacidades de xestión e coordinación

Créase un Departamento de Xerencia e o actual de Produción Coreográfica amplía as súas competencias a todo o ámbito da danza e da música

A denominación oficial do CGAI pasa a ser Filmoteca de Galicia e incorpórase funcionalmente ao Departamento de Política Audiovisual

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2021

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o Decreto aprobado no Consello da Xunta o pasado 18 de marzo polo que se modifica o Estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) co obxectivo de dotar este departamento de maior capacidade de xestión e coordinación nas súas competencias de servizo ás empresas galegas deste sector.

Os principais cambios recollidos neste texto legal fortalecen a estrutura orgánica deste ente autonómico adscrito á Consellería de Cultura, Educación e Universidade para continuar avanzando na recuperación das industrias culturais e frear os efectos da crise derivada da pandemia. Trátase dun impulso que se enmarca no compromiso da Xunta de Galicia coas empresas do ámbito cultural reflectido nos orzamentos deste ano, que no caso de Agadic se duplica ata case 22M€.

Coas novidades introducidas, a Agadic contará cun novo Departamento de Coordinación Xeral e Xerencia como unidade transversal que facilite a coordinación e o asesoramento en cuestións xurídico-administrativas aos seus catro departamentos técnicos: Fomento e Promoción de Políticas Culturais, Política Audiovisual, Produción Teatral e Música e Danza, este último tamén de nova creación.

Entre outras cuestións, á Xerencia corresponderalle a asistencia á Dirección da Agadic en asuntos como o proxecto de plan de acción anual, a elaboración e tramitación do anteproxecto de orzamentos, funcións relativas ás materias de transparencia e seguridade da información e protección de datos persoais, expedientes de contratación e xestión patrimonial ou a elaboración de estudos e propostas de actuación sobre aspectos relativos á estruturación, planificación, organización, modernización, métodos de traballo e de mellora na xestión.

Máis cometidos no Departamento de Música e Danza

O Decreto modifica tamén a denominación e as funcións do ata agora Departamento de Produción Coreográfica, que pasa a chamarse Departamento de Música e Danza, máis acorde cos seus novos cometidos de desenvolvemento, promoción e impulso do fomento nestes dous ámbitos artísticos. A persoa que dirixa o Centro Coreográfico Galego estará tamén á fronte deste departamento. Executará tamén o Plan Integral para a Danza, actualmente en elaboración nun proceso participativo que busca darlles resposta aos principais retos deste sector, da man dos seus profesionais e de xeito compartido e transparente.

Ademais doutros puntos dedicados a tipificar o persoal directivo da Agadic e a detallar algunhas funcións específicas, o Decreto establece que o Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) muda a súa denominación pola de Filmoteca de Galicia e adscríbese organicamente á Agadic con dependencia funcional do Departamento de Política Audiovisual, como unidade que se encargará da salvagarda e difusión do patrimonio audiovisual galego. A nova denominación adóptase para unha mellor identificación pola cidadanía das funcións desenvolvidas polo CGAI, así como para dotar de coherencia e homoxeneizar a súa nomenclatura coa dos centros que desempeñan iguais funcións a nivel estatal e noutras comunidades autónomas.

Máis de 1200 eventos e 15 liñas de axudas

O reforzo na estrutura e nas contas da Agadic tamén permitirá poñer en marcha liñas de traballo que lle dean continuidade á actividade económica das industrias creativas, ao tempo que as axude a adaptarse á actual situación. Neste contexto, unha das principais medidas será a creación do proxecto Hub audiovisual-industria cultural dotado con 9,6M€ e vinculado ao programa REACT da Unión Europea. Trátase dunha iniciativa cuxo obxectivo é xerar dinámicas positivas no sector cultural profesional galego para, a través dun proceso colaborativo, levar a cabo investimentos na industria cultural que incrementen as súas capacidades e aceleren a súa reactivación.

O labor da Xunta a prol das industrias culturais non deixou de medrar nos últimos anos. De feito, só en 2020 convocou 15 liñas de axuda que supuxeron unha inxección directa no tecido empresarial de case 6M€ no sector audiovisual, as artes escénicas (teatro, danza, maxia e novo circo) e a música. Trátase de axudas que inciden na creación e produción nas súas distintas fases, na distribución e na difusión.

Isto configurará unha oferta cultural de calidade para a cidadanía tanto en festivais como nos circuítos escénicos e musicais promovidos pola Xunta: Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Música ao Vivo, Rede Galega de Salas e Cultura no Camiño; e tamén a través dos programas vinculados ao Xacobeo: Directos Xacobeo e Galicia Emerxe. Durante o pasado ano, en colaboración con 158 concellos e 39 espazos privados de toda Galicia, os espectadores puideron gozar de máis de 1250 citas culturais, o que supuxo un investimento conxunto superior aos 2,5 millóns de euros, do que un 62% foi achegado directamente pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Imaxes relacionadas