Galicia incrementa a axuda da cooperación exterior para mitigar o impacto da covid nas sociedades máis vulnerables

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, deu a coñecer hoxe no Parlamento de Galicia o Plan Anual 2021 de Cooperación galega, cun orzamento de case 7,5M€, un 12% máis que o do 2020

Esta semana entrou en vigor da lei que regula a acción exterior e a cooperación para o desenvolvemento de Galicia

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2021

O Plan Anual 2021 de Cooperación galega conta cun orzamento de case 7,5 millóns de euros que se destinarán, na súa maior parte, a mitigar o impacto da covid nas sociedades máis vulnerables. Supón un incremento dun 12% respecto do ano anterior, mantendo así o compromiso do IV Plan director de Cooperación galega, que remata este ano, de incrementar anualmente a súa dotación nun 11,4% como mínimo.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, deu a coñecer hoxe no Parlamento de Galicia os obxectivos dun programa que coincide cos principios acadados pola Unión Europea e polas Nacións Unidas para dar unha resposta global á crise da covid. Deste xeito, o Plan Anual 2021 establece como ámbitos estratéxicos afrontar a emerxencia sanitaria e prever futuras crises sanitarias e pandémicas, promover o exercicio dos dereitos sociais básicos e a cohesión social das sociedades afectadas e mitigar o impacto socioeconómico e a salvagarda das persoas máis vulnerables.

O ámbito de actuación do Plan Anual 2021 concentrarase nos once países que define como prioritarios o IV Plan director; é dicir, en Cabo Verde, Guinea Bissau, Mozambique, Guatemala, Honduras, Nicaragua, O Salvador, Bolivia, Ecuador, Perú e República Dominicana, e recoñece como colectivos de atención preferente ás persoas e grupos de poboación en situación de vulnerabilidade ou en risco de marxinación, exclusión ou discriminación que teñan sido máis afectados pola pandemia, identificando os menores e as mulleres como colectivos especialmente afectados.

O 80% dos fondos -descontados os programas en marcha e os gastos de persoal e xestión- se canalizarán a través de convocatorias públicas nas que se priorizan as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, mentres que aos convenios de colaboración se destina o 20% restante. Galicia destinou nos últimos dous anos algo máis de 12 millóns de euros á cooperación ou desenvolvemento.

A comparecencia de Jesús Gamallo no Parlamento de Galicia coincide coa entrada en vigor esta semana da Lei 10/2021 do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, que se constitúe nun dos puntais da proxección da comunidade autónoma no exterior.

Imaxes relacionadas