O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe na presentación da segunda edición desta iniciativa

Conde subliña que o éxito da aceleradora High Tech Auto radica na súa capacidade para contribuír á transformación dixital de toda a cadea de valor do sector da automoción

Esta aceleradora, que prevé acadar as 40 empresas apoiadas e facilitar nelas a creación de 120 postos de traballo, é complementaria coa Business Factory Auto, apoiada tamén pola Xunta

Conde asegura que o Goberno galego vai estar ao lado de todos os proxectos de automoción que se presenten aos fondos europeos Next Generation onde teñan un papel protagonista as empresas tractoras do sector, a industria auxiliar e os centros tecnolóxicos

Remarca que o proxecto AutoAncora vai supoñer unha oportunidade para avanzar en novos modelos e solucións innovadoras, e expresa o seu desexo de que sexa recoñecido na súa xusta medida polo Goberno cando chegue o momento de asignar os fondos procedentes de Europa

Vigo, 7 abril de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe que o éxito da aceleradora High Tech Auto, que a Xunta promove xunto co Consorcio Zona Franca de Vigo e a Fundación Incyde, radica na súa capacidade para contribuír á transformación dixital de toda a cadea de valor do sector da automoción.

Conde, que hoxe interveu de forma telemática na presentación da segunda edición desta iniciativa, apuntou que o obxectivo desta aceleradora é favorecer a transferencia de tecnoloxía ao sector da automoción e a toda a industria auxiliar de compoñentes e servizos. Ao respecto, indicou que nesta segunda convocatoria se van seleccionar 10 proxectos para que poidan escalar dentro da cadea de valor desta industria.

Esta aceleradora prevé acadar as 40 empresas apoiadas e facilitar nelas a creación de 120 postos de traballo. É complementaria coa Business Factory Auto, apoiada tamén pola Xunta, á que poden incorporarse as iniciativas seleccionadas unha vez superada a súa fase de incubación, cando sexan comercializables e poidan saír ao mercado.

O vicepresidente económico destacou que a Xunta é plenamente consciente da necesidade de apostar polo ecosistema de innovación que rodea o sector galego da automoción porque é o seu aval a nivel internacional. Lembrou, así, que, grazas ao seu traballo, Galicia está protagonizando avances moi significativos no eido do vehículo conectado e eléctrico ou da mobilidade sustentable.

Fondos Next Generation

Por iso, insistiu en que o Goberno galego, que defende a colaboración público-privada, vai estar ao lado de todos os proxectos de automoción que se presenten aos fondos europeos Next Generation onde teñan un papel protagonista as empresas tractoras do sector, a industria auxiliar e os centros tecnolóxicos.

Nesta liña, citou o proxecto AutoAncora, que promove o conxunto da industria galega da automoción —o Grupo Stellantis, Ceaga e CTAG— co apoio da Xunta, e que prevé un investimento público-privado de 1300 millóns de euros. Un proxecto, dixo, que vai supoñer unha oportunidade para avanzar en novos modelos e solucións innovadoras, polo que manifestou o seu desexo de que sexa recoñecido na súa xusta medida polo Goberno cando chegue o momento de asignar os fondos procedentes de Europa.

“O Goberno ten a oportunidade de abrir a concorrencia e que Galicia poida optar a estes fondos —dixo—. Estamos pedindo igualdade de oportunidades porque entendemos que a nosa candidatura é unha candidatura madura que pode ser unha oportunidade para o conxunto do sector, para seguir xerando empregos pero, sobre todo, para impulsar esas novas solucións innovadoras dentro deste contexto de transformación dixital”, concluíu.

Imaxes relacionadas