A Xunta mantén aberto o prazo de matrícula ata o 12 de abril para o curso 2021-22 nas 25 escolas infantís públicas da comarca da Coruña

O delegado da Xunta visitou o centro As Mariñas na Coruña, que ofrece 61 prazas nos tres grupos de idade de 0 a 3 anos

A Coruña, 5 de abril de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá a escola infantil As Mariñas para informar de que ata o vindeiro 12 de abril está aberto o prazo de inscrición para o curso 2021-22 nas 25 escolas infantís da rede autonómica, que poñen á disposición das familias 1.773 prazas nos concellos da Coruña (7 escolas), Arteixo (2), Cambre (2), Culleredo (3), Oleiros (4), e Betanzos, Carral, Coirós, Oza-Cesuras, Curtis Sada e Sobrado cunha escola en cada municipio.

O centro infantil As Mariñas ofrece 61 prazas nos tres ciclos formativos de 0 a 3 anos e conta con 13 profesores. O pasado ano contou cun investimento por parte da Consellería de Política Social de case 40.000 euros para levar a cabo a pintura exterior e interior e outras actuacións de acondicionamento e mellora das estancias interiores.

O delegado da Xunta sinalou que, oito meses despois do inicio do curso, as escolas infantís teñen demostrado que se pode impartir este nivel educativo con total seguridade, aínda no contexto máis complicado. Neste sentido, apuntou que as nenas e nenos, os profesionais e as familias, respectaron todas as recomendacións sanitarias, o que permitiu que o curso se desenvolvese con normalidade. “Bo exemplo deste esforzo é este centro que hoxe visitamos, que contou con dous reforzos de persoal para facer fronte ás necesidades derivadas da situación de pandemia”, recalcou Trenor.

O representante do Goberno autonómico tamén lembrou que o vindeiro curso será o segundo no que se aplique integramente a gratuidade para segundos fillos e sucesivos en escolas infantís privadas, municipais e de iniciativa social. Así mesmo, a Xunta segue apostando polos recursos de conciliación no rural coa posta en marcha de preto de 100 casas niño repartidas por toda a Comunidade.

Imaxes relacionadas