A Xunta apoia o Concello de Carballo na difusión de propostas coreográficas a través do programa ‘Primavera en danza’

O director da Agadic participou na presentación da 19ª edición deste encontro, que ofrece catro dos seus cinco espectáculos a través da Rede Galega de Teatros a Auditorios

Celébrase no Pazo da Cultura do 9 ao 22 de abril con Kirenia Danza, Marta Alonso, Paula Quintas, Matías Daporta e Thomas Noone Dance

Carballo (A Coruña), 6 de abril de 2021

O programa Primavera en Danza de Carballo celebra a súa 19ª edición do 9 ao 22 deste mes, regresando así ás súas datas habituais despois de que a súa anterior edición tivera que ser adiada ao outono por mor da pandemia. Nesta ocasión, serán cinco as propostas coreográficas que se exhibirán na mostra, das que catro forman parte á súa vez da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto de espectáculos que a Xunta promove en colaboración coas entidades xestoras dos seus arredor de 40 espazos asociados.

Un deles é o Pazo da Cultura carballés co que, como explicou hoxe na presentación do encontro o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, é un dos escenarios galegos que “máis intensamente vén traballando ao longo de case que dúas décadas por avanzar na unión entre a danza actual e o público”. Nese camiño conta cada ano coa colaboración económica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que nesta edición asume parte do investimento para a contratación de catro das cinco montaxes programadas: as galegas Emigrantas, de Cía. Kirenia Danza (9 de abril); Bailar agora, de Marta Alonso Tejada (16 de abril), e Nina Ninnete, de Paula Quintas-Traspediante (18 de abril), xunto á catalá After the Party, de Thomas Noone Dance (23 de abril). A elas súmase a presentación en exclusiva de Mocap, do creador galego Matías Daporta (22 de abril).

Plan Integral para a Danza

Como sinalou o responsable de Industrias Culturais da Xunta, esta colaboración insírese no conxunto de accións de apoio ao sector das artes do movemento, que este ano se ve reforzado co deseño do Plan Integral para a Danza de Galicia, que se está a formular de xeito participado co sector, así como cun novo circuíto de danza en localizacións singulares, cuxa convocatoria para compañías galegas se abrirá este mesmo mes.

Ao tempo, desde a Consellería de Cultura poténcianse outras vías xa abertas de impulso e colaboración co sector, como son a incorporación de propostas coreográficas a todas as redes de espectáculos, a súa implicación no desenvolvemento das Residencias Paraíso polo Colectivo RPM, a especial protección que recibe a danza nas bases de subvencións á creación escénica ou a continuidade da convocatoria de coproducións do Centro Coreográfico Galego para calquera modalidade de danza.

De feito, dúas das propostas que se poderán ver estes días en Primavera en Danza, Emigrantas e Bailar agora, forman parte da xa ampla nómina de coproducións impulsadas desde a unidade de danza da Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas