A secretaría xeral para o Deporte destina 20.000 euros a crear unha pista de pádel en Portomarín

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a Xunta colabora cos concellos para ofrecer dotacións que impulsen a práctica deportiva entre a cidadanía

Portomarín (Lugo), 6 de abril de 2021.- A Secretaría Xeral para o Deporte investiu 20.000 euros na instalación dunha pista de pádel en Portomarín. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado dos traballos acompañado polo tenente de alcalde do municipio, Pablo Rivas, e explicou que a Xunta financiou o 80% do orzamento da obra -cifrado en 25.000 euros-, achegando o concello os outros 5.000 euros.

Arias explicou que o Goberno galego colabora cos concellos na mellora das dotacións deportivas co fin de impulsar a práctica do deporte. Neste sentido, “o obxectivo é que todos os veciños e veciñas teñan a opción de utilizar instalacións de calidade, con independencia do seu lugar de residencia”. Deste xeito, engadiu, “impulsamos o deporte de base, ademais de beneficiar ao conxunto da cidadanía e promover un estilo de vida saudable”.

A pista de pádel era unha das dotacións máis demandadas en Portomarín; construída a finais do 2020, conta xa cun grupo estable de medio cento de usuarios habituais. É unha pista regulamentaria situada ao aire libre e dispón de iluminación LED para prolongar as horas de uso.

Ao respecto, Arias subliñou que a Secretaría Xeral para o Deporte apoia a creación e mellora de infraestruturas deportivas para “satisfacer a crecente demanda social existente, especialmente en determinadas modalidades que presentan un maior interese”.
 

Imaxes relacionadas