Luis López destaca a aposta da Xunta pola “dinamización do turismo e a potenciación das zonas naturais” na súa visita á mellora e embelecemento dos accesos ás Insuas de Gres

O delegado territorial visita esta actuación co alcalde de Vila de Cruces, Luis Taboada, financiada pola Axencia Turismo de Galicia por un importe de máis de 35.000€

A actuación consistiu no reemprazo do firme asfáltico existente na chegada á ponte medieval e á capela de San Xoán por lastras de pedra do país e a execución de pequenas melloras de alumeado e saneamento
 

Vila de Cruces, 5 de abril de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, destacou esta mañá a aposta do Goberno galego pola “dinamización do turismo, a potenciación das zonas naturais e a promoción das contornas rurais” no marco da política xeral da Axencia Turismo de Galicia e que se ve reforzada con motivo deste dobre Ano Santo Xacobeo 2021-2022.

O representante autonómico salientou estas liñas de actuación, que están a espallar investimentos turísticos por toda a provincia, na súa visita á obra de mellora e embelecemento dos accesos ás Insuas de Gres, no Concello de Vila de Cruces, xunto ao alcalde, Luis Taboada.

Para elo, contou cunha axuda da Axencia Turismo de Galicia, dependente da Vicepresidencia primeira da Xunta, para acometer a actuación cun investimento de máis de 35.000 euros.

A obra principal consistiu no reemprazo da pavimentación asfáltica existente no acceso á ponte medieval, a contorna da capela de San Xoán de Gres e ás propias insuais co obxectivo de mellorar a imaxe dunha paraxe de gran valor natural. Así, e para buscar unha estética común a todo este espazo, procedeuse á substitución da capa de rodadura por adoquíns de pedra do país en cor escura para manter unha unidade cromática coa ponte e os muros do templo.

A actuación consistiu na roza e limpeza da zona, a demolición do firme existente, a apertura dunha caixa no solo, o corte da pavimentación e a dotación de lastras en materiais nobres nunha superficie de 265 m2. Así mesmo, tamén se canalizou de xeito subterráneo o alumeado público, dotándoo de luminarias led, e procedeuse á conexión do saneamento de augas pluviais á rede existente.

“Dende a Xunta de Galicia levamos tempo traballando arreo na mellora de todas as infraestruturas turísticas, agora con especial interese nas vencelladas ao Camiño de Santiago por motivos lóxicos, porque estamos moi confiados en que a vacinación fronte á covid-19 pode facer que, nuns meses, deixemos atrás a pandemia e o noso Ano Santo sexa o revulsivo socioeconómico que precisamos, polo que temos que ter todo nas mellores condicións para os millóns de visitantes que poden vir”, manifestou Luis López.

Visita institucional a Agolada

Por outra banda, o delegado territorial extendeu a súa axenda de hoxe na bisbarra do Deza realizando unha visita institucional ao Concello de Agolada e mantendo unha reunión de traballo co alcalde, Luis Calvo. Na mesma, Luis López púxose á súa disposición e garantiulle o “compromiso e colaboración máximos” da Xunta de Galicia tras lembrarlle que vén de licitarse a mellora da estrada PO-212 cara Rodeiro por máis dun millón de euros e que acaban de concedérselle ao Concello de Agolada máis de 65.000€ para mellora de camiños municipais ao abeiro do Plan Marco, entre outras iniciativas do executivo autonómico.
 

Imaxes relacionadas