Galicia Escena Pro regresa a Santiago do 7 ao 10 de xuño cunha programación exclusiva para profesionais

A Xunta e a asociación Escena Galega organizan a oitava entrega do mercado galego de artes escénicas, que retoma o seu papel como escaparate dos novos espectáculos galegos tras a suspensión da súa edición de 2020 por mor da pandemia

Ábrese ata o 20 de abril o prazo de presentación de propostas, tanto en formato completo como para as sesións de ‘pitching’, coas que se configurará un programa que combinará a exhibición presencial con xornadas formativas e encontros en liña
 

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2021

Galicia Escena PRO, o mercado galego de artes escénicas promovido pola Xunta, celebrará a súa oitava edición do 7 ao 10 de xuño, retomando así o seu papel como punto de encontro do sector despois de que a pandemia motivara a súa suspensión en 2020. Repítese este ano a experiencia da organización compartida entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a asociación Escena Galega, co obxectivo de ofrecerlles ás compañías un escaparate para a difusión dos seus traballos entre os axentes culturais responsables de espazos, festivais e encontros escénicos de dentro e fóra de Galicia.

Desta volta, a programación non estará aberta ao público xeral, senón que se dirixirá exclusivamente aos profesionais inscritos para garantir así o cumprimento das medidas anticovid. Ao tempo, teranse en conta para o seu deseño os espectáculos producidos nas dúas últimas temporadas, para dar así cabida a aqueles títulos que viron dificultada a súa chegada ao público por mor da situación sanitaria.

O mercado acaba de abrir ata o 20 de abril o prazo de presentación de propostas cara á configuración do seu programa de exhibición que, como en edicións anteriores, incluirá tanto espectáculos en formato completo como os proxectos que as compañías avanzarán nas sesións de pitching. O rexistro debe realizarse a través dos formularios en liña da web www.galiciaescenapro.gal.

Tras a finalización do prazo, unha comisión artística nomeada por Escena Galega e integrada por profesionais do sector será a encargada de seleccionar as producións e proxectos que lle darán forma á carteleira deste ano. O seu obxectivo será ofrecer unha programación variada, na que se primará tanto a calidade como o equilibrio entre as diferentes disciplinas artísticas: teatro, danza, maxia e novo circo.

Esta edición conxugará a faceta presencial cunha virtual a través do desenvolvemento en liña das súas habituais sesións formativas e encontros profesionais.
 

Imaxes relacionadas