A Xunta convoca as axudas para o libro galego dirixidas á tradución

O obxectivo é favorecer que as obras galegas se editen noutras linguas, apoiando a proxección internacional da nosa cultura, ao tempo que se fomenta a publicación en galego de obras escritas noutros idiomas

Este ano esta convocatoria pasa a ser específica para a tradución, cun orzamento de 200.000€, e publicarase outra, coa mesma contía, para a edición, a comercialización e distribución do libro galego

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2021

A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria das axudas para o libro, dirixidas á tradución a outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución á lingua propia de Galicia de obras publicadas orixinariamente noutros idiomas. Este ano esta convocatoria pasa a sufragar os gastos de tradución, cun orzamento de 200.000€. A maiores, convocarase outra liña de subvencións dirixidas á edición, comercialización e distribución do libro, tamén cun orzamento de 200.000€.

As axudas convocadas hoxe no DOG teñen como obxectivo continuar apoiando que as empresas editoriais galegas conten con vías para proxectar internacionalmente a súa produción, ao tempo que se favorece que se poidan atopar na nosa Comunidade e en lingua galega os textos significativos producidos no exterior.

A Xunta mantén unha intensa liña de colaboración co sector do libro. De feito, no período 2012-2021, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade leva destinados case 2M€ en axudas á tradución. Este ano, reforza as súas achegas para a industria editorial con incrementos do 12% en promoción da lectura ou a inclusión de novas partidas para a promoción e comercialización do libro en librerías, entre outras medidas.

Facilidades para a tradución ao galego

O importe das axudas destinarase a sufragar, total ou parcialmente, os custos de tradución da obra literaria, dos que se aboarán un máximo do 90%. A tradución da obra para a que se solicita a axuda deberase publicar despois da data da resolución de concesión desta convocatoria.

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para a tradución, aquelas persoas físicas ou xurídicas, que acrediten a súa condición de editoras de acordo co establecido na orde de convocatoria. Cada empresa editorial poderá presentar solicitude para a tradución dun máximo de 20 obras.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Excepcionalmente, no caso de editoriais estranxeiras que non dispoñan de me¬canismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, poderán presentar a solicitude presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo, tendo en conta que os solicitantes destas su¬bvencións poden estar situados en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes e con características legais, técnicas e funcionais distintas non asimilables á si¬tuación vixente en Galicia, que impiden e imposibilitan a presentación electrónica de solicitudes.

Entre os criterios de valoración para a concesión das axudas figuran o interese cultural da obra, en función de se o orixinal é dun autor galego, doutras comunidades autónomas ou doutros países, a extensión da tradución e as características da mesma (se se trata doutras linguas ao galego, viceversa e se son obras dun autor clásico ou non). Ademais, dáse prioridade á tradución das obras de poesía.

Imaxes relacionadas