Conde destaca que as obras levadas a cabo pola UDC e a Xunta exemplifican a importancia de tomar a iniciativa para afianzar a cultura da eficiencia enerxética

Son un total de seis actuacións nos campus da Coruña e Ferrol que contan cun investimento de 2,75M€ e que permitirán aforros enerxéticos equivalentes ao consumo anual de 10.000 fogares

Os traballos consisten na substitución dos puntos de iluminación por tecnoloxía LED, a instalación de bombas de calor ou mellora dos sistemas de calefacción e de envolventes térmicas nos edificios, a instalación de sistemas fotovoltaicos ou de telexestión

Enmárcanse na orde de axudas activada polo Goberno galego para impulsar o uso de enerxías renovables nas universidades galegas

A Coruña, 5 de abril de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá as obras realizadas na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña (UDC) en materia de aforro enerxético. Destacou que este tipo de actuacións levadas a cabo pola UDC e a Xunta de Galicia exemplifican a importancia de tomar a iniciativa para afianzar a cultura da eficiencia enerxética e o impulso das enerxías renovables.

A da Escola Técnica Superior de Arquitectura é unha das seis actuacións que a Xunta e a UDC están realizando nos campus da Coruña e de Ferrol. En total, contan cun investimento de 2,75M€ dos que a Xunta achega o 80% (2,2M€) e permiten un aforro enerxético anual de 3,6GWh, equivalente ao consumo anual de 10.000 fogares. Estas obras facilitarán, ademais, aforros de 240.000 euros ao ano na factura eléctrica, así como unha diminución das emisións de CO2 de 700 toneladas ao ano e a creación de 18 empregos.

Os traballos que se están levando a cabo consisten na substitución dos puntos de iluminación por tecnoloxía LED, detectores de presenza ou sistemas de regulación; a instalación de bombas de calor ou mellora dos sistemas de calefacción e de envolventes térmicas en edificios; a instalación de sistemas fotovoltaicos ou sistemas de telexestión. No caso concreto da Escola Técnica Superior de Arquitectura –onde se invisten un total de 453.975 euros– actuouse sobre a súa envolvente e instalouse iluminación LED.

Estas actuacións enmárcanse na orde de axudas que o Goberno galego activou o ano pasado para mellorar a eficiencia enerxética e impulsar as enerxías renovables nas universidades galegas que está permitindo desenvolver un total de 18 iniciativas cun orzamento de 5,9M€ nas tres universidades galegas.

Conde incidiu na necesidade de apostar pola cultura da eficiencia enerxética para avanzar cara a Galicia verde que todos queremos e, por iso, considerou fundamental dar exemplo desde a esfera pública.

Imaxes relacionadas