O conselleiro do Medio Rural e a directora xeral de Desenvolvemento Rural presidiron a entrega de títulos a 470 propietarios que se viron beneficiados por este proceso

A Xunta destaca que preto do 70% da superficie do Concello do Pino xa está concentrada, tras rematar a parcelaria de Budiño

A Consellería destinou preto de 1,4 millóns de euros neste proceso, que abarca unha superficie dunhas 700 hectáreas

Nas vindeiras semanas entregaranse os títulos doutras tres zonas, beneficiando a 840 veciños galegos

Véñense de decretar dúas novas parcelarias no concello de Outeiro de Rei e está a exposición pública o estudo previo de iniciación doutros tres novos procesos en Ordes, Friol e Castro de Rei

Ademais, tendo en conta o compromiso adquirido pola Xunta de decretar novos procesos a medida que se vaian finalizando outros, nos vindeiros meses serán declarados uns 23 procesos a maiores

O Pino (A Coruña), 5 de abril de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, destacou hoxe que preto do 70% da superficie do concello do Pino xa está concentrada, tras finalizar un total de 12 procesos de reestruturación parcelaria. Así o subliñou durante a entrega de 697 títulos de propiedade da zona de Budiño, dando así por rematado este proceso que supuxo a reorganización de case 700 hectáreas e un investimento por parte da Xunta de case 1,4 millóns de euros.

No acto, no que tamén participaron a directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e o rexedor municipal, Manuel Taboada, o conselleiro sinalou que grazas a estes procesos mellórase a estrutura da propiedade, o que permite aumentar a base territorial das explotacións da zona e diminuír os seus custos de produción. Neste senso, José González sinalou que coa reorganización desta zona, pasouse de 4.983 predios a case 700 fincas, multiplicando case por oito a superficie media das parcelas resultante. Así, remarcou, pasouse de 1.400 m² a case 11.000 m² de superficie media, o que evidencia a utilidade destes procesos.

A entrega de hoxe súmase ás xa realizadas nos concellos de Touro e Coristanco, na provincia da Coruña, de Riotorto e Castro de Rei, na de Lugo, e de Baltar, na de Ourense. Ademais, José González anunciou que nas vindeiras semanas seguiranse rematando máis procesos de concentración parcelaria, coa previsión de entregar outros 1.850 títulos de propiedade a 840 veciños.

Novas parcelarias

O titular de Medio Rural lembrou que a Xunta segue decretando novos procesos de reestruturación, fiel ao seu compromiso de declarar novas parcelarias por cada unha que se vaia rematando. Así, José González destacou que se veñen de decretar dous novos procesos no concello de Outeiro de Rei e que está a exposición pública -no Diario Oficial de Galicia- o estudo previo de iniciación de tres novos procesos nos concellos de Ordes (Poulo), de Castro de Rei (Viladonga) e de Friol (Seoane da Pregación). A estes tres procesos, anunciou o conselleiro, sumaranse no prazo aproximado dun ano outras 23 novas parcelarias en Galicia.

Estas novas reestruturacións parcelarias -iniciadas ao abeiro da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga)- teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións. Ademais, a través da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, arestora en tramitación no Parlamento galego, seguiranse impulsando estes procesos á vez que se apostará tamén por instrumentos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.

Neste senso, José González asegurou que o Goberno galego aposta e confía nestes procesos de concentración para mellorar a estrutura da propiedade. De aí que a Xunta destine neste ano 2021 máis de 12 millóns de euros para seguir avanzando nos 96 procesos que a día de hoxe permanecen abertos. De feito, entre os anos 2020 e 2021 entregáronse máis de 9.000 títulos correspondentes a dez parcelarias que beneficiaron 3.368 veciños.

Información xeorreferenciada

Ademais, cabe sinalar que se pon a disposición de todos os interesados a descarga da representación gráfica xeorreferenciada das novas fincas resultantes da concentración parcelaria na páxina web da propia Consellería (https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/concentracions-parcelarias-procesos).

Estes ficheiros descargables, no formato europeo INSPIRE de parcela catastral (GML), poderán ser utilizados para posteriores operacións que necesiten dunha inscrición rexistral. Isto permite dar unha maior seguridade aos datos de ubicación, delimitación e superficie dos predios que sexan obxecto do tráfico xurídico posterior á concentración parcelaria.

Deste xeito, dáse cumprimento ao establecido na Lei Hipotecaria e no texto refundido da Lei do Catastro Inmobiliario, trala súa reforma pola Lei 13/2015, do 24 de xuño, como sistema de coordinación entre o Catastro Inmobiliario e o Rexistro da Propiedade, facilitando a incorporación da descrición gráfica xeorreferenciada.

Imaxes relacionadas