A Xunta convoca os Premios Artesanía de Galicia 2021 para apoiar a creatividade, a experiencia e aos novos profesionais do sector artesán galego

Os galardóns buscan recoñecer o talento e a traxectoria dos artesáns galegos a través de tres categorías: Premio Artesanía de Galicia, dotado con 9000 euros, Premio Traxectoria, de carácter honorífico, e Premio Bolsa Eloy Gesto, cunha contía de 4000 euros para a formación dos novos profesionais do sector

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2021

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria dos Premios Artesanía de Galicia 2021, co obxectivo de recoñecer un ano máis o talento e a traxectoria dos artesáns galegos, así como de impulsar o relevo xeracional no sector. Como en anos anteriores, dividiranse nas categorías Premio Artesanía de Galicia, Premio Traxectoria e Premio Bolsa Eloy Gesto.

Os Premios Artesanía de Galicia teñen como obxectivo principal recoñecer e visibilizar o traballo do sector artesán galego. Estes galardóns contribúen a divulgar os oficios artesanais, potenciar a creatividade dos profesionais, incentivar os novos talentos en Artesanía de Galicia, promover o relevo xeracional e apostar pola introdución da innovación e do deseño nos procesos de produción. O prazo de presentación de candidaturas estará aberto desde o 15 ata o 29 de outubro deste ano

O Premio Artesanía de Galicia, dotado con 9000 euros, está dirixido a obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Premiarase a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da nosa artesanía, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación e a boa calidade da obra. Poderanse presentar a esta categoría todos os obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

O Premio Traxectoria ten carácter honorífico e trátase dun premio outorgado polo propio sector. O obxectivo é recoñecer a traxectoria profesional consolidada dun profesional da artesanía galega, a súa contribución á posta en valor e á promoción da nosa artesanía, a calidade do seu traballo así como o seu compromiso coa divulgación e coa transmisión pedagóxica dos principais valores positivos no eido da nosa artesanía. O galardón está dirixido a artesáns en activo ou retirados que estean ou estiveran inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cunha actividade mínima e demostrable no sector de 20 anos. As candidaturas poderanas presentar obradoiros rexistrados, asociacións profesionais de artesáns de Galicia ou outras entidades públicas ou privadas.

Os Premios Artesanía de Galicia fan especial fincapé na incorporación dos artesáns máis novos a través do apoio á súa formación especializada co Premio Bolsa Eloy Gesto, que está dotado con 4000 euros para investir nun centro de formación de prestixio. Nesta categoría, a Xunta busca potenciar o relevo xeracional no sector, o acceso de novos talentos á artesanía e a súa profesionalización. Premiarase a candidatura que presente unha proposta para a súa formación nun centro formativo ou nun obradoiro artesanal de referencia no eido da artesanía e do deseño. Valorarase o carácter innovador do proxecto, a transferencia de coñecemento que se pretende acadar con esa formación, a incorporación das novas tecnoloxías, o currículo da persoa candidata e a potencialidade de incorporación desta formación para a elaboración dun produto artesanal innovador. Tamén se terá en conta o grao de madurez, a calidade na presentación da proposta, así como a colaboración entre distintas actividades artesanais. Nesta categoría poderán participar todos os artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia cunha idade máxima de 40 anos no ano 2020.

Imaxes relacionadas