Gonzalo Trenor mantén un encontro institucional co presidente da Cámara de Comercio, Antonio Couceiro

O delegado da Xunta na Coruña coincidiu co representante do ente cameral na necesidade de que se licite canto antes o acceso ferroviario ao Porto Exterior

A Coruña, 5 de abril de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou, esta mañá, nun encontro institucional co presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Antonio Couceiro. Na xuntanza abordaron diversos aspectos nos que ambas institucións están implicadas e púxose de manifesto o propósito de seguir mantendo unha boa liña de colaboración entre ambas as dúas administracións para traballar de xeito coordinado polo futuro da provincia.

O delegado da Xunta tamén trasladou a súa preocupación pola situación na que se atopa o acceso ferroviario ao Porto Exterior, pendente de que o Goberno do Estado concrete o seu financiamento e licite a obra o antes posible. Trenor puxo en valor a fronte común que se está facendo desde a cidade da Coruña, a través das súas institucións e entidades, para esixir a execución inmediata do enlace ferroviario por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Neste senso, ambos coincidiron en que estamos ante un proxecto maduro, que xa foi entregado en marzo de 2018 a Portos do Estado e que conta coa autorización de ADIF, polo que os fondos para o seu financiamento poden vir dos propios orzamentos do Estado ou dos fondos europeos. “No que todos coincidimos –engadiu Gonzalo Trenor- é que non hai escusa que valga para que o Goberno do Estado non execute esta obra o antes posible”.
 

Imaxes relacionadas