A estrada LU-621, entre Láncara e a urbanización de Valdriz, rexistrará un corte de tráfico desde o martes para avanzar no seu acondicionamento e nunha nova senda
O desvío do tráfico é preciso para mellorar o trazado da vía coa rectificación da curva anterior á ponte, que require da realización de pequenas voaduras
Tamén se efectuarán simultaneamente a ampliación da plataforma da ponte, incluído as canalizacións e cruces de servizos como o saneamento
A Xunta está a abordar co operador as rutas alternativas para o transporte escolar para ofrecer la mejor solución posible
A estrada LU-621, entre Láncara e a urbanización de Valdriz, rexistrará un corte de tráfico desde o martes para avanzar no seu acondicionamento e na execución da nova senda.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de retomar estas obras, unha vez acometido o desvío da liña de evacuación da central hidroeléctrica e obtidos os permisos necesarios.
O citado tramo permanecerá pechado á circulación nos vindeiros 4 meses, aínda que se axilizarán os traballos para minimizar o tempo do corte no posible.
O desvío do tráfico é preciso para acometer a mellora do trazado coa rectificación da curva anterior á ponte, que require da realización de pequenas voaduras.
Tamén se efectuará simultaneamente a ampliación da plataforma da ponte, incluído as canalizacións e cruces de servizos como o saneamento.
Esta intervención, cun investimento autonómico de 730.000 euros, prevé a execución dunha senda para conectar as beirarrúas existentes na travesía da Pobra de San Xiao co acceso á urbanización de Valdriz, que inclúen a ampliación da ponte.
A senda consta de 460 metros de lonxitude e desenvólvese pola marxe esquerda da estrada. Os primeiros 400 metros constrúense en formigón coloreado cun ancho de 2 metros. Nos últimos metros atópase a ponte sobre o río Neira, que será ampliada mediante unha lousa de formigón.
Ademais ampliarase a plataforma da estrada, que pasará dos 5,5 metros actuais a 7 metros; mellorarase o trazado da vía na entrada á ponte, coa ampliación do radio da curva; e reformarase a intersección que existe no acceso á urbanización de Valdriz, construíndo unha glorieta neste punto para facilitar os xiros en condicións de seguridade.
As obras complementaranse coa construción das instalacións necesarias para garantir a drenaxe axeitada.
A Xunta está a abordar co operador as rutas alternativas para o transporte escolar para ofrecer a mellor solución posible, garantindo en todo caso a prestación do servizo. O corte de tráfico iniciarase o martes de xeito posterior ao paso da ruta escolar.