A Xunta aposta pola xestión sostible e pola certificación forestal dos montes galegos para avanzar cara á descarbonización e facer fronte ao cambio climático

José Luis Chan trasladou o compromiso do Goberno galego coa xestión forestal sustentable e activa, no marco do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, “Cara á neutralidade carbónica”

Cabe lembrar que case o 60% da superficie incorporada no 2020 á certificación forestal polo sistema PEFC proveu de Galicia, así como o 87% dos novos silvicultores certificados en España
 

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2021

A Xunta aposta pola xestión sostible e pola certificación forestal dos montes galegos para avanzar cara á descarbonización e facer fronte ao cambio climático. Así o sinalou o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, na súa intervención no marco da XVIII Asemblea Xeral Ordinaria de PEFC Galicia (Asociación Galega Promotora da Certificación Forestal, proveniente do inglés Programme for the Endorsement of Forest Certification).

Na xuntanza telemática, o director xeral debullou os obxectivos marcados ao abeiro do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, “Cara á neutralidade carbónica”, facendo especial fincapé na aposta decidida por incrementar a superficie baixo instrumentos de ordenación e xestión forestal. Nesa liña, avogou por promover a implantación da xestión forestal sostible e pola posterior certificación, a través de accións de promoción e asesoramento e traballando na mellora do acceso á certificación en pequenas parcelas.

Así mesmo, José Luis Chan falou da necesidade de promocionar a integración de todo tipo de produtos nos instrumentos de xestión, fomentando a planificación con enfoque multiproduto e a certificación en superficies con aproveitamentos forestais non madeireiros como as castañas, os cogomelos, a gandaría en extensivo ou a resina. Nesa dirección, tamén concordou na posibilidade de estudar a viabilidade da certificación do mel ou de produtos cárnicos como o porco celta, os cabritos ou os cabalos.

Noutra orde de cousas, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal apostou por potenciar a visibilidade dos propietarios forestais, por promover o asociacionismo neste eido e por fortalecer sinerxías con clusters, centros tecnolóxicos, universidades, escolas e centros de formación profesionais ou fundacións.

A maiores, José Luis Chan referiuse á necesidade de divulgar as mensaxes de conservación e mellora dos bosques e da importancia da certificación para o cumprimento dos Obxectivos 2030 de Sostibilidade e Cambio Climático, difundindo entre a sociedade mensaxes a prol de termos como a descarbonización ou a capacidade de absorción de CO².

Certificación forestal en Galicia

Cabe lembrar que case o 60% da superficie incorporada no 2020 á certificación forestal polo sistema PEFC proveu de Galicia. Así, das 124.010 novas hectáreas sumadas a este sistema no conxunto de España, un total de 73.679 corresponden á nosa comunidade. Con esta superficie incorporada, xa son 2,4 millóns as hectáreas certificadas no conxunto do Estado.

Ademais, dos novos silvicultores certificados en España o ano pasado, o 87% son galegos (5.530 dos 6.363 incorporados en 2020). Así, o total de silvicultores adscritos a este sistema é xa de 41.870 en toda España, dos que 32.875 –o 79%– proceden da nosa comunidade.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural