A Xunta realiza actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos de varios ríos no concello de Valga
Os traballos estanse a desenvolver nos ríos Valga, Louro e Regueiro ao seu paso polas parroquias de Xanzá, Cordeiro e Campaña
Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude total de 3,5 km
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, executa actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos dos ríos Valga, Louro e Regueiro, no concello de Valga.
Estes traballos estanse a desenvolver nos ríos Valga, ao seu paso polas parroquias de Xanzá e Valga; Louro, en Cordeiro; e Regueiro, en Campaña.
As actuacións nestes ríos desenvólvense ao longo de treitos que suman unha lonxitude total de 3,5 quilómetros.
As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como madeira morta para evitar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-centro e as súas zonas de acceso e protección.
Os traballos contribúen a mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río.